Industria PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias 3 de noviembre de 2026

O Grupo socialista acusa á Xunta de deixar de lado aos concellos na repotenciación dos eólicos

Patricia Iglesias aféalle ao PP que empregue a Lei de Acompañamento para suprimir trabas administrativas ás empresas eólicas sen preocuparse de que reduce os ingresos polo canon eólico

Alerta de que máis de 20 concellos galegos poden perder máis dun 80 por cento dos ingresos que reciben polo canon eólico -8,6 millóns de euros anuais- logo das repotenciacións

Santiago de Compostela, 03 de novembro de 2026. A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, denunciou hoxe que o goberno galego aproveite a Lei de Acompañamento aos Orzamentos para modificar as condicións das repotenciacións dos parques eólicos dando facilidades ás empresas pero rebaixa os ingresos dos concellos. Iglesias presentou unha proposta no Pleno do Parlamento de hoxe que será votada mañá para reclamarlle á Xunta que garanta os ingresos dos concellos.

Iglesias explicou que a norma modifica por décimo quinta vez a Lei do Sector Eólico para garantir “máis facilidades, máis potencia e menos trabas administrativas” a costa de reducir os ingresos dos máis de 20 concellos galegos afectados. Segundo esta modificación, permiten que as empresas incrementen a potencia dos parques dende o 10 por cento actual ata o 20 con “atallos administrativos” pero non modifican a Lei para que os concellos manteñan os seus ingresos.

Esta medida suporá que os concellos afectados perdan máis dun 80 por cento de ingresos polo canon eólico, en torno aos 8,6 millóns de euros anuais, que deixarán de aportar as empresas ao reducir o número de muíños de vento. Iglesias reclamou maior soberanía enerxética verde e se amosou a favor das repotenciacións, pero puntualizou que “o que non aceptamos é que a modernización da eólica se converta nunha oportunidade para incrementar os beneficios”.

Criticou que este aumento substancial dos ingresos das empresas provocará que “os concellos perdan ingresos e capacidade para atender ás necesidades da súa veciñanza” porque o PP e o goberno galego “non teñen ningunha proposta” para garantir os seus ingresos. Criticou que “non hai unha proposta alternativa de fiscalidade, ningunha garantía de ingresos nin unha avaliación das perdas, senón que impoñen unha nova moratoria do canon eólico ata 2028.

Resumiu que “se as empresas poden producir máis electricidade con menos aeroxeradores non podemos permitir que os concellos reciban menos recursos por seguir soportando as instalacións”. Criticou a “falta de vontade política” para seguir modelos como o de Castela e León, onde incorporan cotas específicas anuais para estas instalacións en función dos megavatios e da potencia instalada, ademais de incentivos fiscais vencellados a investimentos socioeconómicos nos concellos rurais.

Acusou ao goberno galego de provocar que os concellos sexan “os grandes prexudicados da transición enerxética” e reclamou unha reforma do canon eólico para que teña en conta a potencia instalada, garantindo un “retorno económico xusto” para os concellos. Tamén pediu a revisión do Fondo de Compensación Ambiental e unha avaliación pública do impacto económico en cada un dos máis de 20 concellos afectados pola modernización dos parques eólicos.

Noticias relacionadas