PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias 4 de noviembre de 2026

O Grupo Socialista acusa á Xunta de favorecer ás grandes multinacionais e empresas de cátering a costa da calidade do servizo nos comedores públicos

Patricia Iglesias reclámalle ao goberno galego que introduza produtos galegos nos comedores de colexios, hospitais e residencias

Santiago de Compostela, 04 de novembro de 2026. A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe ao goberno galego que garanta a introdución de produtos galegos de proximidade nos comedores públicos que dependen da administración autonómica. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que defendeu empregar os comedores de escolas, hospitais e residencias para valorar a calidade, a sustentabilidade e a produción propia, mentres o goberno galego favorece ás grandes multinacionais e empresas de cátering.

Iglesias criticou a “cegueira” amosada polo PP dende o goberno galego, que aprobou no pasado mes de marzo a Estratexia de Contratación Pública Horizonte 2030, pero que non se traduciu no apoio á economía local, a sustentabilidade e a alimentación saudable con produtos frescos e de calidade. Advertiu que “unha estratexia, un discurso e un proxecto piloto non enchen os comedores de produtos galegos”.

Reclamou empregar a Lei de Contratos do Sector Público para fomentar a contratación pública e o produto galego, convertendo os comedores nunha oportunidade para o sector primario, e puntualizou que “para moitas familias, o comedor escolar non é un complemento, é unha garantía dunha comida equilibrada e de calidade”.

Advertiu que nos pregos dos comedores que dependen da administración autonómica “segue primando a oferta máis barata, non necesariamente a mellor alimentación nin o retorno económico e ambiental para Galicia”. Por este motivo os contratos “recaen en grandes empresas de catering e multinacionais de servizos”, e empresas como Eulen acumulan contratos millonarios mentres os pequenos produtores, pemes, autónomos e cooperativas galegas atopan barreiras insuperables.

Noticias relacionadas