Carmen R. Dacosta considera “intolerables” as condicións dos brigadistas, que só reciben un bocadillo para xornadas de ata 12 horas e este verán quedaron sen autorrescatadores porque a Xunta devolveu 2.639 dos 2.820 por deficiencias
Santiago de Compostela, 03 de novembro de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe que a planificación da campaña de incendios forestais da Xunta “segue chegando tarde”. Así o dixo na comparecencia da conselleira do Medio Rural para facer balance da campaña deste ano cando “debería comparecer para presentar o Pladiga 2027” segundo os prazos legais.
Explicou que segundo a Lei hoxe mesmo debera estar aprobado e publicado o Plan de Prevención e Extinción de incendios -Pladiga- do próximo ano, pero a conselleira comparece para dar conta dos incendios do verán pasado. Afeoulle que “non aprenderon que o monte non se prepara cun documento aprobado cando o verán está ás portas, senón con traballos durante os doce meses do ano”.
Dacosta criticou a “comparecencia chea de anuncios e propaganda” por parte da conselleira, que se presentou sen entregar un informe sobre o cumprimento do Pladiga ao Parlamento e ao Consello Forestal. Reclamou “menos propaganda sobre as hectáreas que non arderon e máis explicacións sobre a prevención executada e a recuperación dos territorios queimados a través dun balance “que se poida comprobar” detallando os traballos previstos e os executados en realidade en cada distrito.
Alertou das eivas na planificación do goberno galego, que segue sen desenvolver os Plans de Ordenación dos Recursos Forestais -Porf- nin actualizar os Plans de prevención dos distritos -Pladid-, “mentres avanzan o abandono e os riscos para os núcleos habitados”. Neste sentido, advertiu que a Xunta só actuou en 70 das 276 parroquias priorizadas para a xestión da biomasa nas franxas secundarias.
Censurou que a conselleira estea máis preocupada de vender a súa propaganda mentres agochan os datos reais de incendios, e lembrou que por exemplo en 2025 a Xunta só informou de 200 incendios dun total de 1.500 rexistrados, e durante o mes de agosto só deu conta de 45 incendios dos 492 que tiveron lugar en Galicia.
Condicións inadmisibles
Dacosta afeoulle á conselleira que comezara a súa intervención parabenizando aos equipos de prevención cando os mandaron a cubrir xornadas de ata 12 horas de traballo con apenas un anaco de pan e unhas lonchas de chourizo. Dixo que “é inadmisible que teñamos que traer ao Parlamento unha iniciativa para garantir que as persoas que apagan os incendios poidan comer e beber adecuadamente durante a súa xornada”.
Responsabilizou neste sentido ao goberno galego das graves deficiencias nos equipos de seguridade dos bombeiros forestais, que en plena campaña de incendios quedaron sen os equipos básicos de seguridade. Lembrou que o director xeral de Defensa do Monte recoñeceu en setembro, a raíz dunha pregunta do Grupo Socialista, que tiveran que devolver 2.639 dos 2.820 autorrescatadores adquiridos tras detectar problemas nas súas bolsas de protección.
Explicou que “o problema non son os profesionais, son as decisións políticas que determinan con que medios traballan, en que condicións e que prevención se realiza antes de que chegue o lume”, unha responsabilidade da que “ten que responder o Goberno da Xunta”.
