Carmen R. Dacosta reclama unha Deputación “que invista onde máis falta fai, que trate a tódolos concellos por igual e que responda ás necesidades reais da provincia”
Santiago de Compostela, 02 de novembro de 2026. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta advertiu hoxe que os Orzamentos da Deputación de Ourense para o próximo ano “repiten anuncios e compromisos incumpridos”. Na comparecencia do presidente da Deputación de Ourense na Comisión de Orzamentos do Parlamento, a responsable socialista reclamou un ente “que invista onde máis falta fai, que trate a tódolos concellos por igual e que responda ás necesidades reais da provincia”.
Dacosta criticou que o presidente da Deputación se presente na Comisión de Orzamentos sen terlle entregado aos grupos da Deputación o proxecto de Orzamentos completo, obrigando a debater “sen dispoñer dun documento que permita analizar as partidas e contrastar as prioridades”. Sinalou que o ente “dispón de recursos e competencias para desempeñar un papel decisivo no futuro da provincia”, pero que os hipoteca ao destinar 42 millóns para persoal e só 9,8 para investimentos.
Reivindicou o papel do Grupo Provincial Socialista, que “presentou alternativas, negociou melloras e contribuíu a impulsar medidas que hoxe forman parte da política municipal” sen deixar de lado o seu papel fiscalizador. Así, dixo que o acordo co PSdeG permitiu aprobar o Plan CooperOU para garantir investimento nos concellos en condicións obxectivas, e que reclaman que aumente ata o 22 por cento do orzamento provincial ao remate do mandato.
A parlamentaria socialista explicou que a intervención dos socialistas de Ourense garantiu que a proposta inicial do PP de dedicar 200.000 euros á vivenda, que deixaba fóra das axudas á inmensa maioría das peticións dos concellos, aumentou ata 1,8 millóns de euros. Esixiulle neste sentido ao presidente da Deputación que faga público o número de vivendas adquiridas ou rehabilitadas e os concellos beneficiados polas axudas, porque “unha partida por si sola non vai resolver o problema”.
Incendios
Ademais, esixiulle que atenda ás 50 propostas presentadas polo Grupo Socialista para garantir a recuperación da provincia logo dos incendios de 2025, que aínda está pendente. Explicou que “non abonda con convocar á Mesa do Lume, reunir colectivos e recoller propostas se despois non se traducen en actuacións” porque, sinalou, os concellos “necesitan recuperar infraestruturas, actividade económica e seguridade para a poboación”.
Dacosta reclamou que poñan tódolos recursos a disposición dos concellos “para que poidan planificar as súas actuacións” garantindo “unha igualdade que ten que aplicarse ao conxunto da política provincial e non só a unha parte do Orzamento”. Neste sentido, reclamou “un verdadeiro plan de estradas, cunha programación coñecida, criterios técnicos e transparencia” para “determinar onde é máis necesario investir”.
