Silvia Longueira denunciou que a Xunta colocou o módulo en 2011, con carácter provisional e con capacidade para 40 nenos e nenas, e na actualidade emprégano 80
A deputada socialista reclamou que se escoite á comunidade escolar, se atendan as súas demandas e se acometa unha reparación integral do centro educativo
Oitenta nenas e nenos que estudan no CEIP Emilio González López, de Cambre, comen a diario nun contedor que se instalou en 2011. A deputada socialista Silvia Longueira denunciou no pleno do Parlamento unha situación que se perpetuou e foi empeorando a medida que pasaban os anos, xa que o espazo estaba concibido para 40 alumnos e alumnas. “Fixeron un container provisional para sempre”, ironizou.
Esa instalación carece de illamento enerxético, o que provoca temperaturas extremas. “É imposible usalo en inverno porque vai un frío do demo, porque a calefacción que montaron alí dentro, ou o que sexa, non funciona”, afirmou. Á iso únese a antedita masificación do espazo, deseñado para a metade de usuarios que ten a día de hoxe. Por iso, urxe a construción dun edificio que reúna as condicións axeitadas dun comedor e conecte co principal.
Por outra banda, o colexio presenta unha serie de deficiencias que a comunidade escolar vén denunciando e para as que reclama solucións. Entre elas, precísase a substitución da caldeira, novas fiestras, o cambio da instalación eléctrica, reparación duns servizos “que están nunha situación deplorable” e o pintado do edificio. A iso únese o estado do valado exterior do patio, “deteriorado e que supón un perigo porque dá a un desnivel”.
Longueira explicou que esas necesidades xa se lle trasladaron á Xunta, pero a única resposta “foi a visita duns técnicos para medir portas que a día de hoxe seguen sen cambiar”. Tras o debate, a deputada mantivo un encontro con representantes da ANPA do colexio cambrés.
