_

Nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, Besteiro é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Antes de desenvolver a súa traxectoria política no PSdeG Socialistas de Galicia, exerceu como avogado con despacho propio.

Traxectoria Política

Besteiro desenvolveu toda a súa traxectoria política no PSdeG-PSOE, partido ao que se afiliou tras rematar os seus estudos universitarios. Avogado de profesión, deu o paso á política activa con 31 anos, incorporándose ao primeiro goberno socialista da historia democrática da cidade de Lugo.

Entre 1999 e 2007 foi portavoz do equipo de goberno no Concello de Lugo, concelleiro de Urbanismo e deputado provincial. Tras as eleccións municipais de 2007, converteuse no primeiro militante socialista en Galicia en presidir a Deputación de Lugo, abrindo unha nova etapa na institución provincial.

Durante a súa etapa á fronte da Deputación impulsou políticas orientadas á cohesión territorial, á sustentabilidade e á loita contra o despoboamento. Entre as iniciativas máis destacadas figuran a creación dunha rede provincial de residencias e centros de día para persoas maiores, a posta en marcha do primeiro centro público de recría de gando do noroeste de España, a creación dunha sede da UNED na cidade de Lugo, a aprobación dos primeiros orzamentos participativos nunha deputación española e o impulso inicial para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade.

Nas eleccións municipais de 2011 revalidou o apoio cidadán e consolidou o liderado socialista na provincia de Lugo, sendo o único presidente do PSdeG-PSOE á fronte dunha deputación galega nese momento e un dos referentes institucionais do socialismo en España.

En 2012 entrou a formar parte do Comité Federal do PSOE e foi nomeado secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo. En 2013 presentouse ás primarias consultivas para liderar o PSdeG-PSOE, nas que obtivo o 77% dos votos. Posteriormente foi ratificado nun congreso extraordinario co 95% dos apoios como secretario xeral dos Socialistas de Galicia.

En marzo de 2023 foi nomeado delegado do Goberno en Galicia. Poucos meses despois deixou o cargo para encabezar a lista socialista ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo nas eleccións xerais do 23 de xullo.

O 17 de agosto de 2023 tomou posesión como deputado no Congreso, onde foi o primeiro parlamentario en realizar unha intervención en galego e asumiu a Presidencia da Comisión de Transportes.

En outubro de 2023 gañou as primarias do PSdeG para ser candidato á Presidencia da Xunta nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024. Tras ese proceso electoral, foi elixido de novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, tomando posesión do cargo o 28 de abril de 2024. En marzo de 2025 revalidou o seu liderado no Congreso do PSdeG co 93% dos apoios.

A súa traxectoria combina experiencia municipal, provincial, autonómica e estatal, cun proxecto político centrado na defensa dos servizos públicos, a igualdade, o autogoberno, a cohesión territorial e o futuro de Galicia.

Galicia necesita abrir unha nova etapa. Somos a esquerda que pode abrir un tempo novo no que a política volva estar ao servizo da xente, dos seus problemas reais e das oportunidades que o país ten por diante.

Besteiro representa un proxecto de cambio serio, útil e comprometido cunha Galicia máis xusta, máis moderna e máis ambiciosa.

Unha Galicia na que a vivenda sexa unha prioridade real, na que a sanidade pública recupere forza, na que a educación, a dependencia e os servizos públicos estean á altura do que merece a cidadanía.

Ese cambio tamén significa defender Galicia con feitos. Avanzar no traspaso da AP-9, reclamar unha mobilidade máis xusta, aproveitar os fondos e investimentos do Goberno de España, mellorar o financiamento autonómico e poñer todos os recursos dispoñibles ao servizo do país. Non se trata de facer ruído, senón de conseguir resultados.

Fronte a unha Xunta instalada na inercia, Besteiro propón unha Galicia que negocia, que avanza e que non renuncia ao seu futuro. Un proxecto socialista para crear oportunidades, fixar poboación, fortalecer o autogoberno, impulsar a economía e garantir que vivir en Galicia non sexa máis difícil que noutros territorios.

O cambio que buscamos pasa por unha Galicia pensada para a maioría, con máis dereitos, mellores servizos públicos, máis vivenda, máis emprego digno e máis capacidade para decidir o seu propio futuro.

Actualidade de Besteiro