Opinión 6 de julio de 2026

A greta

As casas de pedra non caen polo vento. Sábeno ben as que xa caeron. Podédesllo preguntar a calquera canteiro, se é que dades con algún. O perigo nunca está aí fóra. Vén sempre desa greta de dentro que se vai abrindo en silencio, ata que un día xa non hai teito.

De gretas saben tamén Manuel Castells e Enric Juliana, cada un dende a súa fiestra. Un mira cara Madrid e fala da ofensiva contra Sánchez que arranca en 2016, cando quixeron derrubalo para poñer a Rajoy na Moncloa. O outro mira cara Italia e tira do fío de Vittorio Craxi, fillo de Bettino. E o fillo, que viu caer a seu pai, non sinala aos xuíces. Sinala a casa.

O Partido Socialista Italiano non caeu por ‘Mani Pulite’. Caeu porque se partiu pola metade. A man que abanea o berce sempre aparece nas crises, lista para desestabilizar, pero non deita nada se a casa está enteira. Déitao a greta. A Bettino non o afundiu só a xustiza. Rematárono os seus, os que preferiron afogar con el antes que darlle a razón. Vittorio é aínda máis claro: «Se vos dividides, estades mortos».

A analoxía dá vertixe. Bettino anoxou aos Estados Unidos deixando marchar a un dirixente palestino que Reagan quería na cadea. Nunca llo perdoaron. A Sánchez recrimínanlle Palestina, a crítica a Israel, o atrevemento de soñar unha Europa que non sexa apéndice de Washington. Molestar aos poderosos sempre ten un prezo. Antes en Roma, agora en Madrid, e sempre coa mesma moeda da deslexitimación. O mundo perdóache case todo, menos ter razón antes de tempo.

O problema, escribe Castells, non é só a lacra da corrupción dalgúns secretarios de organización, que a houbo e está a saír moi cara. É deslexitimar a democracia porque non se comunga co resultado das urnas. E cando non se gaña no escrutinio, búscase a fenda por onde meter a cuña.

Aquí ningún labrego perdeu a casa por un temporal. Perdeuna por herdanzas, por irmáns que levan trinta anos sen falarse pola metade dun hórreo. Mentres discuten quen paga o tellado, chove dentro e podrece a viga. E cando por fin se entenden, xa non hai nada que repartir, só cascallos no chan e silvas na eira. Certo é que tamén temos quen xura que o ‘lawfare’ é un conto mentres organiza a persecución cunha man e bendice a sentenza coa outra.

E a fenda, se a hai, non a abre ningún togado. Ábrese máis preto, nos despachos onde alguén agarda o derrubamento coa calma do que sabe que pola fachada non ten nada que facer. Non fai falta empurrar. Abonda con non arrimar o ombreiro cando a trabe renxe e agardar a que caia soa. Sempre houbo quen prefire mandar nas ruínas antes que ser un máis nunha casa en pé.

O vento é parvo, sopra e vaise. O perigo dorme na casa, cea na casa e agarda paciente a que un durma para abrir a xunta.

Opinión de Pablo Rivera.
Publicado en El Progreso de Lugo, o 2 de xullo de 2026.