Ninguén se libra. Os españois que viven fóra de España están no punto de mira da doutrina da prioridade nacional coa que PP e extrema dereita, ao unísono, queren limitar drasticamente os dereitos no noso país.
A ofensiva das dereitas extremas sobre o voto exterior, alimentada persoalmente por Feijóo, ademais de mentiras incorpora unha idea esencial: os cidadáns con diferentes dereitos. Quérese plasmar así un país dual, a dúas velocidades, comezando polo exercicio dos dereitos dos españois.
A tormenta desatada pola dereita levou, unha vez máis, á xudicialización dun dereito ata chegar a un auto do Tribunal Supremo do que os socialistas discrepamos ao establecer, aínda que sexa provisionalmente, unha categoría nova de cidadáns sen dereito ao voto.
Chegamos ata aquí porque Feijóo e os seus socios sementaron bulos e patrañas sobre a dignidade da nosa emigración e agora non poden evadirse das súas responsabilidades ante os cidadáns españois que viven fóra do noso país, aos que se lles priva do exercicio da participación política.
Falamos dos descendentes de quen, durante dous séculos, cruzaron o mundo para buscarse a vida que España lles negaba, perdendo a nacionalidade moitos deles. Con seguridade nunca puideron chegar a imaxinar que aos seus fillos e netos tamén se lles ía privar da condición de españois. Unha clamorosa demanda da emigración que se mantivo ao longo de case 50 anos de democracia española e que agora lles queren negar os dereitos españois coa súa campaña de derrogación da Lei de Memoria Democrática.
A retórica dos discursos baleiros e as prácticas clientelares practicadas polo PP ao longo do tempo para gañar a confianza dos emigrantes, despois de telas defraudado, convertéronos en sospeitosos de cometer fraude e, como mínimo, en cidadáns de segunda. Non hai dereito!
Non imos deixar sós os españois que viven fóra do noso país. Nin o merece a memoria cargada de esforzos dos seus pais e avós, nin a súa propia experiencia como descendentes que desde que naceron sentiron e vivido España como o seu país. O Goberno de Pedro Sánchez converteu en realidade o seu dereito ao acceso á nacionalidade e os socialistas imos continuar defendéndoo.
