Microsoft, Google, Amazon e mesmo o propio Elon Musk deberían estar preocupados pola Deputación de Lugo. Aínda non o saben. Xa se decatarán.
Mentres medio mundo lle aluga o seu futuro dixital a un puñado de corporacións de Silicon Valley, en San Marcos decidimos que non. Sen pancartas e case sen facer ruído, que xa sabemos que aquí o que se anuncia con trompetas adoita quedar no papel.
Chámase MencIA e non é deses asistentes virtuais que che din «bo día, estou aquí para axudar» e logo fan o que lles peta, porque diso xa vai sobrado o país, e se non, que llo pregunten a Elena Candia. E xa de paso a María Reigosa. Son ferramentas concretas, cotiás e sen misterio. Transcribe reunións, vixía o BOE, calcula prazos da lei de contratos e pon orde na caixa de correo onde todos sabemos que se perden as cousas importantes. Tres clics e unha tarefa. Ningún dato abandona o perímetro da institución. O que é de Lugo, queda en Lugo.
O principio que rexe todo isto parece de sentido común pero case ninguén o aplica. O algoritmo propón e o empregado público dispón. Ningunha aplicación de intelixencia artificial toma decisións con consecuencias legais de forma autónoma. Esta evidencia é revolucionaria nun sector público que adoita entregar as chaves da casa antes de ler o contrato.
O que máis me gusta de MencIA é o capítulo que noutras estratexias dixitais nin aparece. O galego. Un sistema que non funciona en galego non se aproba. Punto. Nunha provincia onde ata os cans entenden galego, unha administración que non o fale sería unha administración cun problema serio de oído. Outros deféndena nos discursos. Aquí defendémola tamén no código.
E por se fose pouco, a cousa non acaba aí. A Deputación vai levar estas ferramentas aos 67 municipios da provincia sen que os concellos teñan que pagar nin contratar técnicos, que xa bastante teñen os alcaldes e alcaldesas con chegar a fin de mes. Mentres algúns descubriron hai pouco que existe a España baleira, aquí imos amañando para que a fenda dixital non se converta tamén en fenda algorítmica.
Recoñezo que teño certo interese no asunto. Levo tempo escribindo artigos académicos –algún en coautoría– onde defendía exactamente isto, que as deputacións están nunha posición única para liderar a transformación dixital do territorio con soberanía tecnolóxica. Pero unha cousa é escribilo nun ‘paper’ e outra moi distinta velo funcionar. E se está dando resultado é porque os técnicos da casa levaban meses apostando por este camiño. Hoxe vexo esas ideas convertidas en estratexia. Poucas veces se ten esa sorte, así que perdoarán que o celebre.
A Deputación e a súa Presidenta acertaron de cheo. Agora toca executar, que é onde adoita morrer case todo. Pero o máis difícil xa está feito. Sacar adiante unha estratexia de intelixencia artificial sen chamar a San Caetano pedindo consello nin a California pedindo permiso.
Opinión de Pablo Rivera.
Publicado en El Progreso de Lugo, o 29 de maio de 2026.
