Opinión 28 de septiembre de 2026

O futuro do galego esixe que a política do posible sirva para avanzar

Non estamos ante unha discusión sobre preferencias culturais. Estamos ante unha emerxencia que afecta á liberdade das próximas xeracións para vivir plenamente na lingua do seu país.

En Galicia hai rapaces que entenden o galego, pero case nunca o falan. E unha lingua non vive só nos oídos. Estúdano na escola; algúns escóitano na casa, dos seus avós e avoas, e cada vez menos dos seus pais e nais. Pero raramente o usan cos amigos. Volven á casa, collen o móbil e todo segue en castelán.

É doado preguntarlle a un rapaz por que non fala galego. Máis difícil é preguntarnos por que a nosa lingua vai perdendo presenza na vida diaria dunha xeración á seguinte.

Durante dezasete anos, o PP dirixiu a política lingüística de Galicia. A perda de falantes non é allea ao que fixo nin ao que deixou de facer.

Os datos oficiais son tan dramáticos que nos obrigan a mirar esa escena de fronte: hai vinte anos, catro de cada dez nenos e nenas falaban habitualmente galego; hoxe non chegan a dous. Un de cada tres ten dificultades para falalo. E a transmisión familiar caeu 19 puntos. Non estamos ante unha discusión sobre preferencias culturais. Estamos ante unha emerxencia que afecta á liberdade das próximas xeracións para vivir plenamente na lingua do seu país.

A política do posible

Ante unha realidade así, a política ten dúas opcións. Pode converter cada proposta nunha ocasión para medir a pureza das posicións propias. Ou pode debater, esixir cambios e conseguir melloras. O PSdeG escolleu a segunda. É a política do posible. E cando está en xogo o futuro do galego, o posible ten que servir para avanzar.

O PP tiña os votos para aprobar o seu plan sobre o galego sen acordar con ninguén. O que non tiña era unha resposta á altura dos datos sobre a situación da lingua.

Nós podiamos denunciar as carencias da proposta e volver para a casa. Non nos enganemos: era o máis cómodo. Pero ao día seguinte o plan seguiría tendo as mesmas carencias. Por iso sentamos a negociar, escoitamos os colectivos que levan anos traballando polo galego e puxemos as necesidades da lingua por diante dos cálculos de partido e dos egos políticos. O galego, o noso maior ben patrimonial, merecía ese esforzo.

Rueda leva demasiado tempo sen sentar co Estado e cos concellos para dar resposta ao que preocupa á xente: unha vivenda que se poida pagar, un transporte que funcione, a AP-9 ou o financiamento necesario para soster os servizos públicos. Se lle esiximos que sente a negociar sobre todo iso, como iamos erguernos nós da mesa de negocación cando o que está en xogo é o futuro do galego? A coherencia non se proclama. Practícase.

Pactar polo ben común consiste ás veces niso: conseguir avances con quen pensas que debería ter feito as cousas doutra maneira. Este acordo non borra as nosas diferencias nin nos impide seguir esixindo máis.

Pactamos a fin dos vetos

E os cambios conseguidos son concretos. En primaria e secundaria, o 50 % do horario lectivo deberá impartirse en galego, de forma clara e medible, e o seu cumprimento estará suxeito a unha dobre avaliación. Sabemos que nin sequera esta porcentaxe se está a cumprir. A lingua volverá ás materias científicas e tecnolóxicas, nas que estivo prohibida durante 17 anos sen xustificación. Non pactamos bloques, pactamos a fin dos vetos. No ensino infantil, onde se lle dá prioridade á lingua materna, conseguimos que, nas contornas castelanfalantes, o galego teña o mesmo nivel de uso ca o castelán. Na formación profesional, o alumnado deberá saír preparado para exercer o seu oficio tamén en galego. Acadamos máis galego nos centros plurilingües e o compromiso de defendelo como lingua cooficial en Europa.

Pero tamén conseguimos melloras para as industrias culturais que crean en galego. Aumentarán os orzamentos de apoio á edición e ao audiovisual, e haberá medidas para levar a lingua ás plataformas, ás redes e ás novas tecnoloxías, onde está a mocidade. Crearase un Plan de Fomento da Lectura coa participación das editoriais que levan anos sostendo o libro en galego, e os medios públicos ofrecerán programación infantil propia e estable. Porque non abonda con pedirlle a unha criatura que ame unha lingua: hai que ofrecerlle referentes, contos, personaxes e cancións cos que queira medrar.

O acordo fixa recursos e responsabilidades. Os orzamentos do novo plan mobilizarán máis de 65 millóns nos primeiros catro anos. Establecemos un seguimento nos centros, informes anuais, debate no Parlamento e participación das institucións e entidades que defenden o idioma. As medidas deberán aplicarse durante 2027, coas reformas normativas necesarias, incluída a do decreto do plurilingüismo. Un compromiso que non se pode comprobar corre sempre o risco de quedar nun bo titular.

Reclamacións compartidas

Todas estas melloras responden a reclamacións compartidas pola maioría dos colectivos. Coincidimos con eles en que cómpre máis ambición para o galego. Sen dúbida, nós imos seguir reclamándoa. Queremos que o 50 % do ensino en galego sexa o punto de partida, non o teito. Queremos máis investimento e unha lingua presente nos medios, nas rúas e na vida de cada día. 

O acordo non pecha ese horizonte: dános ferramentas para camiñar cara a el. E o día que teñamos forza parlamentaria suficiente, protexeremos o galego como o que é: o cerne do patrimonio cultural de Galicia e unha parte esencial do que somos como país. Ese é o meu compromiso.

Oxalá quen invoca a urxencia de salvar o galego e, ao mesmo tempo, mira con sospeita calquera paso que mellore a súa situación dedique tanto esforzo a vixiar o cumprimento de cada medida como a examinar quen asinou o acordo. Nese labor seremos necesarios todos. Sen bloques e vetos.

A nosa ambición é que, nuns anos, os rapaces falen cos seus amigos en galego. Que na casa, nas rúas e no móbil atope tamén a súa lingua. Sabemos que ese cambio non chegará dun día para outro. Pero, desde o lugar que ocupa cada quen, si podemos decidir se facemos todo o que está nas nosas mans para que suceda. Para iso serve a política cando está á altura dun país.

Opinión de José Ramón Gómez Besteiro.

Publicado en MundoDiario, o 26 de setembro de 2026.