Aitor Bouza reclama coñecer un mapa real da vivenda baleira para a continuación poñer en marcha o Banco Público de Aluguer con prezos dignos e garantías aos propietarios e propietarias
Acusa ao conselleiro de Educación de “criminalizar” de novo aos profesionais do ámbito educativo e aos profesionais sanitarios ao apuntar ás baixas laborais
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, anunciou hoxe que os socialistas presentarán no Parlamento unha proposición de Lei para crear un censo real de vivendas baleiras en Galicia. O responsable socialista propuxo elaborar unha radiografía da realidade do parque de vivenda como paso previo á posta en marcha de medidas como o Banco Público de Aluguer.
Bouza explicou que a proposta pasa por facer obrigatorio inscribir no censo todos e cada un dos inmobles baleiros para “coñecer que vivendas hai, en que estado se atopan, onde están e a partir de aí facer un mapa” sobre a súa situación. Advertiu que “de nada serve dicir que temos 500.000 vivendas baleiras se moitas delas están inutilizadas ou non se poden empregar” para darlle saída ao elevado número de demandantes de vivenda.
Reclamoulle ao goberno galego que aplique as súas competencias en materia de vivenda e traballe “da man dos concellos” facilitando a información. O obxectivo, dixo, é permitir que a continuación se poidan poñer en marcha medidas como o Banco Público de Aluguer proposto polos socialistas galegos para garantir prezos asequibles aos inquilinos ao tempo que ofrece garantía de pago para os propietarios e propietarias, que saben que van ter o piso en condicións.
O parlamentario socialista sinalou que “hai dous modelos enriba da mesa”, entre o do PP que dende o goberno galego “se dedicou permanentemente a torpedear” a posta en marcha das zonas de mercado residencial tensionado, e iniciativas como na Coruña, onde a alcaldesa Inés Rey demostrou “que funciona e da resultados” ou en Vigo, onde o alcalde Abel Caballero puxo en marcha un Banco Público de Alguer ai escasas semanas.
Criminalizar aos traballadores
O tamén portavoz de Educación do Grupo Socialista acusou ao conselleiro de Educación de “criminalizar” aos profesionais do ensino e aos médicos ao sinalar de novo ás baixas laborais nunha entrevista desta fin de semana. Bouza criticou que “confronte dereitos laborais” dos traballadores e traballadoras que teñen que cursar a súa baixa “non por gusto, senón por medio dun profesional sanitario”.
Acusou ao PP de “atacar á clase traballadora” ao “entender que o dereito a unha baixa laboral por enfermidade é un privilexio”, cando debera “aplicar a escoita activa e nunca a criminalización do profesorado nin tampouco do persoal médico”. Subliñou que “o que debera é de estar preocupado de facer un plan concreto para devolver e retornar os dereitos laborais roubados aos profesionais do ámbito educativo” e melloralos reducindo a burocracia ou as horas lectivas.
