puntualiza que “entre 2009 e 2024 non fixeron nada para ter solo residencial en Galicia”
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, denunciou que “a Xunta invita e teñen que pagar as veciñas e veciños de cada un dos polígonos de vivendas que queren facer en Galicia”. Así o dixo na comparecencia no Parlamento do director xeral de Vivenda para dar conta da Estratexia Galega de Solo Residencial.
O responsable socialista criticou a xestión dos Proxectos de Interese Autonómico -PIA- por parte do goberno galego, nos que “intentan pagar tres ou catro euros” por metro cadrado aos propietarios dos terreos, cunha oferta “ridícula e insultante”. Puxo como exemplo o caso do proxecto do barrio de Mallou, en Santiago de Compostela, onde ten provocado unha forte contestación social que continuará cunha concentración veciñal esta mesma fin de semana.
Bouza desafiou ao director xeral a presentarse na concentración a repetir os “anuncios e promesas” do goberno galego, que pasou de no facer “nada” para construír vivenda pública en Galicia entre 2009 e 2024 e, logo de dous anos e medio de ter prometido 25.000 vivendas, a realidade é que “non hai ningunha”.
Subliñou que “non estamos nin moito menos en contra de que desenvolvan o solo para facer vivendas canto antes a prezos asequibles”, pero cuestionou que o goberno galego queira “construír vivenda a costa de tódalas veciñas e veciños”. O responsable socialista apuntou que a política de vivenda “parécelles un engorro”, e por iso o PP eliminou a metade do orzamento en canto chegaron á Xunta e estiveron 17 anos sen facer apenas pisos protexidos.
Reclamoulle ao goberno galego que atendan á proposta dos socialistas galegos de constituír un Banco Público de Alugueiro que garanta prezos asequibles para os inquilinos e garantías aos propietarios. Apuntou que o seu líder en Compostela replicou esta mesma proposta e emprazou ao goberno galego a seguir a mesma senda e “cambiar de opinión”.
Anuncios electorais
Na súa intervención, o responsable socialista acusou ao PP e ao goberno galego de “vir a vangloriarse de incumprir a Lei Electoral”, en alusión á visita de Rueda como presidente da Xunta ao Polígono de San Paio de Navia a anunciar a promoción de vivenda pública, cando a normativa sinala que “non se poden facer anuncios coas eleccións convocadas”.
Criticou que a vivenda pública só lles interese como recurso electoral, como demostraron no goberno de Rajoy, cando “decidiron rescatar aos bancos no canto das persoas”, designaron ás vivendas como “activos tóxicos” e constituíron a Sareb “en vez de poñelas a disposición da xente”.
