José Ramón Gómez Besteiro PARLAMENTO DE GALICIA 21 de octubre de 2026

Besteiro reprocha a Rueda que reponda á carestía da vida cunha rebaixa do IRPF que equivale a dous cafés ao mes

O secretario xeral do PSdeG lembra no Parlamento que Galicia ten a inflación máis alta do Estado con salarios uns 3.000 euros por debaixo da media e esixe medidas que abaraten xa a vivenda e protexan a sanidade pública

O socialista defendeu o camiño de blindar e ampliar dereitos, porque iso tamén protexe a economía das casas: «Investir en vivenda pública é aforrar», resumiu, antes de explicar que investir en sanidade pública aforra seguros privados e que investir en transporte público aforra combustible

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este mércores a Alfonso Rueda de responder á escalada dos prezos cunha rebaixa do IRPF que lle deixa a unha familia media uns cinco euros ao mes. «Dous cafés, señor Rueda», ironizou na sesión de control ao presidente da Xunta. A súa pregunta era como pensa afrontar os principais problemas dos galegos e das galegas «hoxe, non mañá».

Besteiro arrancou lembrando que en Galicia non debería ser un luxo vivir dignamente do propio traballo, poder pagar unha vivenda, acender a calefacción, facer a compra e moverse sen renunciar a fin de mes a cousas imprescindibles. Pero os galegos, advertiu, soportan dúas penalizacións engadidas, porque cobran arredor de 3.000 euros ao ano menos que a media española e pagan uns prezos que soben máis que no resto do Estado.

O IPC de setembro deixou a inflación galega no 5,5%, seis décimas por riba da media estatal e a máis alta do país xunto coa de Castela-A Mancha. E o que máis se encareceu foi precisamente o básico, o transporte, cun 12,1%, e a vivenda, cun 11%.

Para poñerlle cara a eses números, pediulle a Rueda que pensase nunha moza de 30 anos que traballa, pero que segue na casa dos pais ou nun piso compartido porque non lle dá para un alugueiro. Esa moza é unha das case 37.000 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. O líder socialista reprochoulle que lles prometa 10.000 vivendas para 2030 sen aclarar que fixo cos 586 millóns de euros que lle transferiu o Estado desde 2018 para o acceso á vivenda e que apenas se traduciron nun centenar de pisos.

Para 2027, criticou, a fórmula da Xunta volve ser construír e vender, cando os socialistas levan tempo propoñendo reforzar o alugueiro público e intervir no parque de vivenda baleira, «que é inxente no noso país», para baixar os prezos.

Coa sanidade fixo o mesmo exercicio. Unha familia que pide cita no centro de saúde ten que esperar máis de dez días e acaba preguntándose se non lle compensará pagar un seguro privado, un paso que segundo anunciou Besteiro xa deron 456.000 galegos e galegas nos últimos anos. O PSdeG propuxo blindar por lei a atención primaria en 48 horas e o PP rexeitouno. «Unha vez máis, para o Partido Popular e para vostede, a sanidade é un negocio non un dereito», censurou.

Besteiro levou tamén o debate ao territorio. Denunciou que Lugo e Ourense non recibiron nin un euro do Fondo de Compensación Interterritorial nos últimos tres anos, a pesar de que ese fondo existe para corrixir os desequilibrios entre territorios, e describiu un transporte público deficiente, en moitos lugares inexistente, con rutas mal planificadas e sen apenas control sobre as concesionarias. “Onde non hai autobús, a alternativa é o coche o que significa máis gasto en combustible”.

A resposta da Xunta a todo iso, denunciou Besteiro, é unha baixada de 0,25 puntos nos catro primeiros tramos autonómicos do IRPF, a medida estrela dos orzamentos de 2027. O socialista defendeu outro camiño, o de blindar e ampliar dereitos, porque iso tamén protexe a economía das casas. «Investir en vivenda pública é aforrar», resumiu, antes de explicar que investir en sanidade pública aforra seguros privados e que investir en transporte público aforra combustible.

Na réplica, o líder socialista lamentou que coma sempre Rueda intentase levar o debate a outro terreo. «Como sempre, falamos doutra cousa», dixo, antes de reprocharlle que non dedicase nin unha palabra á vivenda, á sanidade, ao custo da vida, ao avellentamento ou á calidade do emprego.

Comparou a actitude do presidente co coñecido sketch de José Mota, «hoxe non, mañá», e insistiu en que unha política de vivenda non pode limitarse a construír. Fan falla medidas para actuar xa no mercado e facer aflorar as vivendas baleiras «que non saen ao mercado por diferentes cuestións e que si poden saír se hai unha intervención decidida da administración».

O líder socialista volveu despois sobre o rexistro de demandantes, que segundo os datos oficiais suma «14 demandantes novos cada día, señor Rueda, desde que vostede é presidente». E advertiu de que a Xunta quere aproveitar a lei de medidas que acompaña os orzamentos de 2027 para cambiar ese rexistro “porque non lle gusta a información que ofrece”. Tamén lle afeou que rexeite a condonación da débeda autonómica.

Besteiro pechou a intervención coa vista posta nas eleccións xerais do 29 de novembro. «A decisión que van tomar os galegos e galegas o 29N é entre dereitos e dereitas».

Noticias relacionadas