Plan contra a droga Silvia Longueira 20 de octubre de 2026

O PSdeG reclámalle á Xunta medidas efectivas contra o consumo de drogas, en coordinación cos concellos e coas entidades que prestan a atención

Silvia Longueira criticou o baleiro entre o plan que rematou en 2016 e o que está agora en consulta pública, para 2026-2030: “Que planificación, compromisos e avaliacións se cubriron nese período intermedio no que nada houbo?”


A deputada socialista Silvia Longueira defendeu hoxe no pleno do Parlamento de Galicia a necesidade de que a Xunta promova unha campaña “eficaz e efectiva” contra o consumo de drogas entre a mocidade e que o faga en coordinación coas entidades que asumen o peso da atención e da loita contra ese tipo de adicións.



Reclamou tamén que o Goberno galego reforce xunto cos concellos plans de acción contra o consumo e que incremente os convenios coas asociacións, “con plans específicos para as nenas e os nenos de entre 12 e 18 anos”.



Longueira sinalou que hai uns días comezou o prazo de participación no Plan de prevención de condutas aditivas en Galicia 2026-2030, pero sen constituír unha mesa de traballo coas asociacións do sector. De feito, censurou que non se manteñan reunións anuais “con ningunha das nove entidades conveniadas que prestan servizos médicos, apoio familiar, asesoramento e análise a pé de rúa”.



Ese plan, apuntou ademais, “pretende actualizar a planificación anterior”, mais a páxina oficial, aínda que describe os obxectivos, “non ofrece ningunha contía global consolidada para os cinco anos”.



“É tamén curioso que a propia Xunta sinala que actualiza o marco do Plan 2011-2016 e pretende corrixir carencias anteriores, porque compre preguntar, que planificación operativa, compromisos e avaliacións se cubriron nese período intermedio no que nada houbo?”, criticou a parlamentaria do PSdeG.


Noticias relacionadas