Aitor Bouza Educación Orzamentos 2027 26 de octubre de 2026

Bouza sinala as eivas dos Orzamentos da Xunta en educación: «Imaxinen o que se podería facer cos 800 millóns de euros que lles perdoan aos máis ricos»

O deputado do PSdeG advertiu, entre outros problemas, do déficit de profesorado de orientación e apoio e da falta de investimento nas infraestruturas educativas

O portavoz socialista de educación no Parlamento galego, Aitor Bouza, criticou hoxe a falla de ambición dos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano respecto do que constitúe un pilar básico do estado de benestar. Así, sinalou un déficit no que se refire á orientación, “con centros de 800 alumnos cun só profesional”, e tamén en relación coas necesidades especiais do alumnado. Ao fío disto último, reclamou investimento suficiente “para que todo o alumnado de Galicia conte co profesorado preciso e que non teña que ser o xulgado o que obrigue á consellería a repoñer profesionais”.

Aitor Bouza reclamou, durante a comparecencia do conselleiro en comisión para explicar os presupostos do seu departamento de cara ao 2027, que os responsables autonómicos sexan “máis ambiciosos” nesta materia. “Imaxinen o que se podería facer cos 800 millóns de euros que lles perdoan aos máis ricos”, dixo en relación cos beneficios fiscais que concede o PP.

Falou, como exemplo, do programa de melloras en centros educativos, cun incremento de 700.000 euros sobre un total de 30 millóns. “É como non subir o orzamento”, asegurou, xa que baixa o peso relativo dese gasto se se ten en conta o incremento porcentual dos propios Presupostos, tanto no global coma nos da propia Consellería de Educación.

Tamén mencionou a situación da FP, na que “tampouco se cubren as necesidades educativas”, o que cualificou de “materia pendente”. Por iso, destacou que “de nada serve ter especialistas en pedagoxía terapéutica ou en audición e linguaxe en primaria se despois se retiran na secundaria”. Ademais, botou en falta partidas que sirvan para adecuar a oferta de formación profesional á realidade económica de cada comarca e á demanda concreta de traballadores, “garantindo que a FP sexa pública”.

O deputado do PSdeG criticou, por outra banda, a falta de execución, ano tras ano, en partidas como a de prevención do abandono escolar. “Non pode ser que detraian o 50 %, 15 millóns de euros, sistematicamente”, reprochoulle ao Goberno galego. “Tampouco se entende moi ben que baixe un 3 % o programa de formación do profesorado cando máis falta fai a formación”, engadiu.

E censurou tamén que a gratuidade da matrícula universitaria se garanta “a costa do plan de financiamento das propias universidades”. “Vostedes invitan en pagan as univerdisades”, remarcou. 

Finalmente, Bouza lamentou a falta de resposta do conselleiro sobre se se vai reactivar a Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia (Raogal), “porque con ese nome non está consignado” nas contas, e cargou contra o proxecto Aula Senda, que entidades veñen de criticar pola súa falta de transparencia e como “medida segregadora e estigmatizante”.

Noticias relacionadas