Silvia Longueira advirte que o centro leva máis de 11 anos cun barracón a modo de comedor provisional que é impracticable na maior parte do ano pola falta de climatización
Acusa ao PP de actuar “como na Unión Soviética” negándose a informar das actuacións do centro “porque dependen do politburó”
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026. A parlamentaria socialista Silvia Longueira acusou hoxe ao PP de “enganar á poboación” de Cambre ao votar en contra da reforma do CEIP Emilio González López e de construír un novo comedor que substitúa a instalación actual, que é impracticable. Longueira presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento para reclamarlle á Xunta que poña en marcha as reformas estruturais que necesita o centro de urxencia.
Explicou que o CEIP, cunhas instalacións de 45 anos e que leva máis de 11 anos utilizando un barracón a modo de comedor provisional, pero que teñen que empregar como almacén porque ao non estar climatizado resulta impracticable na maior parte do ano, con temperaturas que van dende os 8 graos no inverno ata os 35 no verán. Ademais, explicou que o centro necesita de reformas drásticas nos baños, as caldeiras, as fiestras ou a instalación eléctrica.
Lembrou que a Anpa do centro ten asumido tarefas de mantemento, pero non pode asumir actuacións estruturais que son responsabilidade do goberno galego, e esixiulle que informen ao centro das actuacións que teñen previstas para o próximo ano.
Advertiu que “non somos parvos” e reclamou que atenda ás peticións de información do centro para poder planificar as actividades, e afeoulle ao PP que “moito neoliberalismo pero cos cartos son como na Unión Soviética: nunca sabemos o que van facer porque depende do politburó”, ironizou.
