Canon eólico Enerxía eólica Fondo de Compensación Ambiental 16 de octubre de 2026

O PSdeG reclámalle á Xunta unha reforma do canon eólico para que as repotenciacións de parques non diminúan os ingresos dos concellos

Patricia Iglesias advertiu de perdas superiores aos oito millóns de euros anuais para o Fondo de Compensación Ambiental, o mecanismo de retorno económico para o territorio

A portavoz socialista de enerxía no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe á Xunta que avalíe as perdas que as repotenciacións eólicas lles van causar aos concellos, que reforme o canon para adaptalo á nova realidade e que revise o retorno económico aos municipios a través do Fondo de Compensación Ambiental.

A deputada do PSdeG advertiu que este novo ingrediente no “caos” no que o PP ten sumido o sector desde que goberna en Galicia, con máis de 90 parques paralizados nun escenario de total inseguridade xurídica, vai provocar unha grave diminución dos recursos que chegan aos concellos onde se asentan os aeroxeradores. Iglesias fixo o cálculo que a Xunta “se nega a facilitar” e cuantificou en 8,4 millóns de euros as futuras perdas anuais, xa que coas novas repotenciacións o canon eólico pasaría de 10,5 millóns a só 2,1.

Patricia Iglesias recordou que o Partido Socialista está a favor das repotenciacións eólicas, mais non en que esta “se converta só en negocio para empresas e perdas para os concellos que soportan os parques”. Por iso, lamentou que a conselleira veña de anunciar o enésimo cambio na lei “non para compensar aos municipios pola perda de recadación a través do fondo de compensación, senón só para que as promotoras gañen máis”, e defendeu que “máis eficiencia e máis ganancia para as enerxéticas non pode significar menos recursos para as entidades locais”.

Nese senso, a iniciativa que a parlamentaria socialista trasladou á comisión inclúe, ademais da modificación da normativa do canon eólico “a través dun proceso participativo no que os concellos afectados teñen un especial protagonismo”, propostas como a reformulación do modelo de distribución territorial dese canon, a actualización do Fondo de Compensación Ambiental, a implantación dun sistema público de información sobre o destino deses recursos e a ampliación dos usos permitidos do Fondo, incluíndo actuacións en materia de transición enerxética, creación de emprego local, economía circular, comunidade enerxéticas, desenvolvemento rural e reforzo dos servizos públicos esenciais.

Noticias relacionadas