Atención Primaria Centro de saúde de Meis Julio Torrado 15 de octubre de 2026

Julio Torrado denuncia a «burla e insulto permanente» da Xunta á veciñanza de Meis, que catro anos despois segue sen centro de saúde: «Fágano xa»

“Todo o que anunciaron é mentira”, afirmou o deputado socialista sobre os continuos incumprimentos do Goberno galego desde 2022

“Onde tiña que haber xa construído un centro de saúde, hoxe segue habendo a mesma mala herba e lama que había hai catro anos”. É o resumo que o portavoz de sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, fixo hoxe da “burla e insulto permanente” aos veciños e veciñas de Meis por parte do Goberno de Rueda.

En comisión parlamentaria, o deputado do PSdeG repasou a cronoloxía dos sucesivos incumprimentos da Xunta ante a máis que evidente necesidade dun novo ambulatorio nun municipio no que a poboación está atendida a través de tres consultorios nos que non hai espazo nin para incorporar novo persoal, aínda que se quixera. Ante este “complicado acceso á atención sanitaria”, o goberno local reclamaba xa en 2021 unhas novas instalacións, mentres o PP, tamén o local, se negaba.

Ao ano seguinte, malia a que medraba a reivindicación veciñal, o PP de Meis “intentaba boicotear” o proxecto da man da Xunta, poñendo distintos problemas. O Concello impulsou a adquisición dunha propiedade para cederlla á Administración autonómica co fin de levantar alí o ambulatorio, pero os populares opuxéronse. Mais, cos terreos xa comprados, a presión veciñal obrigou ao Goberno de Rueda a asinar un convenio e recibir o solar.

Torrado lembrou que daquela o propio conselleiro valoraba “a axilidade e dilixencia do Concello en comprar e facilitar o solar” e aseguraba que iso ía permitir “acelerar o proceso de construción”. Avanzaba como obxectivo “licitar canto antes” a comprometíase a que sería “o primeiro centro de saúde do plan de infraestruturas”. “A Xunta incluso falaba de licitar en 2023 e construír en 2024”, recordou antes de concluír que “nada diso pasou”, como se pode comprobar aínda hoxe.

Desde entón, en 2024, en plena campaña electoral, o PP avanzaba que a licitación do proxecto se iniciaría “entre marzo e abril” e marcaba como novo obxectivo “ter o proxecto en 2025 e iniciar a obra en 2026”, pero “nada diso pasou”, repetiu o parlamentario socialista.

Ese ano, o goberno local reclamou que se activase xa o proxecto, ante o que o PP local asegurou que había unha partida orzamentaria para tal fin nos Orzamentos de 2025, “pero non había partida”, e exactamente igual aconteceu coas contas autonómicas de 2026, nas que “tampouco había partida”.

Julio Torrado ironizou con que o que de verdade determina se a Xunta ten intención de facer unha obra ou non é a presenza dun gran cartel nos terreos meses, e mesmo anos, antes do inicio dos traballos. “En Meis non hai nin iso”, afirmou.

“Dous anos e medio sen pegar pau”

O voceiro de sanidade lamentou que a propia Xunta recoñecese hoxe que non houbera ningún avance entre a sinatura do protocolo entre ambas administracións, en abril de 2022, e a autorización da redacción do proxecto, en decembro de 2024. “Dous anos e medio sen pegar pau”, criticou. Tamén se mostrou escéptico respecto do novo anuncio de que as obras comezarán no último trimestre de 2027. “Está por ver”, dixo.

“Vai haber partida nos Orzamentos? Vai empezar algunha vez iso?”, preguntou Torrado, que finalizou a súa intervención cunha reclamación e unha advertencia: “Fágano xa, pero dóteno de persoal, non sexa que poñan o ladrillo e non valla para nada”.

Noticias relacionadas