Aitor Bouza sinala que a responsable do informativo Bos Días divulgou directrices políticas dende as súas redes sociais
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026. O parlamentario socialista Aitor Bouza acusou hoxe á dirección da CSAG de seguir a liña política marcada polo PP empregando os informativos como “espazos para confundir” á opinión pública. Bouza presentou unha pregunta oral na Comisión de control da CSAG no Parlamento na que advertiu que logo de 17 anos de manipulación política, o resultado é que pasaron do 20 por cento de audiencia na etapa de Touriño aos 7,3 no pasado mes de outubro.
Bouza lembrou que a CSAG ten un orzamento de 143 millóns de euros para o próximo ano, ao nivel de televisións como a vasca ou a catalana, pero neste caso con apenas , con apenas 7,8 millóns de ingresos por publicidade e convertida no “apéndice do PP”, co resultado do “afundimento” na credibilidade, a calidade nos contidos e nas audiencias.
O responsable socialista puxo como exemplo a xestión da máxima responsable e presentadora do informativo Bos Días, que o día da dimisión de Óscar Puente empregaba as súas redes sociais para reproducir unha mensaxe seguindo o argumentario do PP. Criticou que “toda Galicia sabe das ganas que teñen as persoas que integran o ente público de que pasaran certas cousas”, como demostra a publicación desta responsable, que horas despois tivo que retirar.
Puxo en dúbida ademais a credibilidade dos informativos, que o mesmo día abrían no Telexornal da noite sinalando que o ministro non dimitía, pero tardaron 13 minutos en dar a noticia real desde que se produciu a súa renuncia.
Criticou tamén a xestión da campaña electoral dende os medios de comunicación públicos, cando “o que lle teñen que dicir aos galegos e ás galegas é que van facer un debate ás nove e media da mañá, na franxa de menor audiencia” cando os galegos e as galegas se enfrontan a “unhas eleccións xerais de vital transcendencia e importancia para este país”.
Bouza acusou aos responsables da CSAG de “mentir” para evitar facer publicacións en redes sociais programadas acorde aos resultados electorais. Aludiu á xuntanza da semana pasada para organizar a programación electoral na que o director de informativos sinalou que non era posible organizar as publicacións en redes porque non tiñan datos, pero a directora do ente asegurou hoxe que “teñen datos de sobra” a través de Google Analytics. O responsable socialista criticou que “non se coordinan nin para mentir” e reclamou que as publicacións en redes sociais sexan organizadas “acorde a criterios obxectivos, para que non sexan tan só os vídeos dos membros do PP os que se publican nas franxas de maior difusión nas redes sociais”
