Carlos López Font PARLAMENTO DE GALICIA Pesca 10 de noviembre de 2026

López Font acusa ao PP de abandonar ao sector pesqueiro e acuícola e esíxelle á Xunta un Plan de choque que complemente as axudas estatais

Carlos López Font advirte que “o sector non pode vivir de promesas” e puntualiza que “a baixura, a pesca artesanal e os pequenos armadores necesitan de atención específica” do goberno galego

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, lamentou hoxe o abandono do sector pesqueiro e acuícola por parte do PP dende o goberno galego. O responsable socialista presentou unha proposta na Comisión de Pesca do Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan de choque que complemente as axudas estatais, pero que foi rexeitado polo PP.

López Font advertiu que “o sector non pode vivir de promesas” que o goberno galego nunca cumpre, e sinalou que “a baixura, a pesca artesanal e os pequenos armadores necesitan dunha atención específica”. Explicou que o sector atópase fronte á tormenta perfecta que supón a suba dos custes por enriba dos ingresos, co que faenar deixa de ser rendible, co que “Galicia perde algo máis que unha xornada de pesca, perde emprego, actividade e futuro para as vilas mariñeiras”.

Esixiulle ao goberno galego unha reposta política “á altura da importancia que ten a pesca para Galicia” e empregue as súas competencias para complementar o esforzo que ten posto enriba da mesa o goberno de España. Lembrou que o Planm Integral de Resposta á crise en Oriente Medio con axudas que acadaron os 1.174 millóns para o sector primario, incluíndo axudas para combustible, exencións das taxas de pesca fresca ou créditos ás empresas pesqueiras.

En definitiva, o goberno de España “mobilizou recursos, aprobou compensacións e prorrogou as axudas para que o incremento dos custes non recaera exclusivamente sobre os profesionais do mar”, pero o PP e o goberno galego néganse a aprobar un Plan de choque con medidas inmediatas, concretas e cunha dotación económica suficiente que propoñía o Grupo Socialista.

López Font pediu axudas directas para a flota, a redución do custe efectivo do combustible, ou reducir a carga das taxas autonómicas que soporta a actividade pesqueira, ademais dun apoio específico ao sector acuícola. Tamén propuxo unha dotación económica “suficiente e inmediata, e a constitución dunha mesa de seguimento na que lle dean voz ao sector pesqueiro a través das confrarías, as organizacións representativas e os profesionais.

Noticias relacionadas