29N Besteiro Eleccións Xerais 27 de noviembre de 2026

Besteiro chama a encher as urnas de votos socialistas nunha mobilización histórica: «Se saímos a gañar e a gobernar, o luns calaremos a Feijoo»

O secretario xeral do PSdeG pecha a campaña en Lugo convencido de que o PSOE está «a un chisco» de arrebatarlle ao PP o último deputado en Lugo e Ourense, un escano que «vale dobre»

Replica ao PP que «a mafia son eles» e acusa á dereita de ver a sanidade e as pensións públicas como un negocio para «facer caixa»

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pechou este venres en Lugo a campaña do 29N convencido de que o PSOE está «a un chisco» de arrebatarlle ao PP o último deputado en Lugo e en Ourense, o que lles daría aos socialistas o segundo en cada provincia, «un deputado que vale dobre». «Imos gañar as eleccións o próximo domingo», anunciou nada máis empezar un discurso no que cualificou a Alberto Núñez Feijóo e a Santiago Abascal de «machistas, xenófobos e mentirosos».

Machistas, explicou, porque ningún dos dous foi capaz de condenar a violencia machista nin de esixirlle ao outro, «xa que vai ser o meu socio», que o fixese. «Nesta campaña electoral, cinco mulleres foron asesinadas polas súas parellas ou exparellas polo simple feito de ser mulleres», lembrou antes de dar a cifra completa: 1.391 mulleres asesinadas desde que hai rexistros oficiais.

Xenófobos, porque están en contra da inmigración legal mentres a dos que traballan «en B, en negro» non lles importa. E mentirosos, empezando polo millón de vivendas que Feijóo promete con 500.000 traballadores, algúns dos cales, apuntou, terán que ser inmigrantes. Besteiro fixo as contas, 685 vivendas ao día e 29 cada hora. «Non pode nin durmir, nin deitarse, nin descansar. Pero di que as vai facer».

Para o líder socialista, a dereita ve o Estado do benestar como un negocio. «Cando falan de sanidade pública, están pensando en sanidade privada, en facer caixa», dixo, e o mesmo coa educación, as pensións, a dependencia e agora a vivenda. «E despois din que somos a mafia. A mafia son eles», remachou, antes de comparar os ataques a Pedro Sánchez cunha escena de película: «Non te preocupes, Pedro, non o tomes de forma persoal, son negocios».

O último escano de Lugo e de Ourense vale dobre, explicou, porque é un que perde o PP e outro que gaña o PSOE, e por iso pediu ao electorado progresista doutras listas que vote «con cabeza». Cada voto que non se concentre no PSOE, avisou, é un voto «regalado a Feijóo e a Abascal». Na Coruña, engadiu, a pelexa polo último deputado é con Vox, «esa outra dereita aberrante». E pediu votar tamén polos máis de 100.000 nacionalizados pola Lei de Netos que non poderán facelo, «unha auténtica vergoña».

«Fai tres anos e medio, Feijóo non foi presidente porque non quixo. Pero este ano non vai ser presidente porque non queremos», rematou Besteiro, que augurou que Miguel Fernández será alcalde de Lugo a partir de maio e deu paso á número un ao Congreso pola provincia, Patricia Otero.

Abriu o mitin en Lugo, que foi seguido por máis de 800 personas, o exalcalde e candidato socialista á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández, cun repaso do que o país «non se pode permitir»: traballadores pobres, dúbidas sobre as pensións «mentres os seguros privados das grandes corporacións se seguen enriquecendo», maiores sen os coidados que precisan e mozos «sobradamente preparados» que non conseguen independizarse. «E, sobre todo, non nos podemos permitir volver a aqueles tempos do medo e do ordeno e mando que eu vivín», advertiu antes de pedir unha mobilización que encha as urnas de votos socialistas «nunha vitoria incontestable».

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, arrincou con retranca. Enfiou «sinvergüenza», «me gusta la fruta» e «usted calladita» e preguntou que se lles contesta aos insultos e aos bulos. A resposta deuna ela mesma, en castelán: «A otro perro con ese hueso». E logo, a consigna da noite: «Hai partido, Lugo! Hai partido!».

Nesta campaña, López inventou unha familia en cada vila, cunha María que decide sobre o seu propio corpo ou un Fino que puido morrer con dignidade. «As familias eran inventadas, pero os dereitos son reais, e houbo que pelexar por eles. Agora toca blindalos», dixo.

O senador e candidato ao Senado César Mogo tirou de ironía con Mariano Rajoy, que definiu a Feijóo como «o líder máis competente» que teñen, e preguntouse como serán os demais. «Antes, nos anos da crise, chamábase austericidio. Agora chámase motoserra», resumiu, antes de lembrar os máis de 100.000 nacionalizados pola Lei de Netos que quedaron sen voto, moitos deles galegos, convertidos en «cidadáns de segunda».

A dereita, avisou Mogo, ten dúas amigas, a abstención e «a división do voto da esquerda». En Lugo o obxectivo é sentar dous deputados no Congreso, Patricia Otero e Jorge Bustos. «Eles teñen o patrimonio. Nós temos a xente», resumiu.

Recadiño para Candia, Rueda e Feijoo

E pechou o mitin a candidata socialista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, que mandoulles desde o escenario “un recadiño” a Candia, Rueda e Feijoo, que intentaron boicotear “por terra, mar e aire” o mitin socialista de hoxe en Lugo. A cabeza de lista ao Congreso advertiulles: “Como se atreven a retarnos despois do que vivimos a semana pasada no Multiúsos do Sar?”.

A candidata socialista recordoulles que, despois de que o PP lanzase o reto de encher o pavillón compostelán, o mitin de Pedro Sánchez “rebentouno” conseguindo moita máis asistencia que Feijoo. “La Peter lo petó”, salientou.

Para Otero, que os populares puxesen todo tipo de atrancos para que o PSOE celebrase e enchese o acto de hoxe en Lugo “é unha mostra do nerviosismo que teñen e das súas malas artes, dese xogo político suxo ao que estamos acostumados na nosa provincia”.

“Todos a votar o 29 de novembro ao Partido Socialista para gañar, para gobernar, para que Pedro Sáncehs siga sendo presidente e para que Feijoo e Abascal marchen para a súa casa”, pediu Patricia Otero para concluír a súa intervención.

Noticias relacionadas