Tania García chama ao voto feminino porque “non podemos permitir” que as “actitudes e maneiras machistas” de Feijóo “veñan a gobernarnos durante catro anos”
Cuntis, 27 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou en Cuntis ao voto útil fronte á “dereita e ultradereita machista que manda calar e que non quere que sigamos avanzando, que quere volver atrás”. O responsable socialista comezou a última xornada da campaña electoral cunha visita ao concello de Cuntis, onde reivindicou os investimentos do Estado xunto co alcalde, o socialista Manuel Campos Velay, e os e as representantes da candidatura do PSOE por Pontevedra.
Besteiro pediu aos veciños e veciñas da localidade e de toda Galicia “sumarse non soamente para gañar estas eleccións, senón para gobernar catro anos máis”. Explicou que “nos xogamos o traballo do goberno e do Estado” que en Cuntis se traduciu en investimentos para o desenvolvemento industrial ou a mellora das infraestruturas.
Emprazou a responder co voto á dereita e á ultradereita que “nos queren devolver á España en branco e negro”. Animou aos galegos e ás galegas a chegar ao domingo dando “un paso adiante” e votar a favor do “optimismo, o futuro, e a ilusión” que representan o proxecto do PSOE para catro anos máis con Pedro Sánchez á fronte do goberno”.
A candidata número catro ao Congreso, Tania García, apelou directamente ao voto feminino para frear as “actitudes e maneiras machistas” de Feijóo, “mandando calar” á candidata de Frente Amplio no debate de onte. Pediu o “voto útil” das mulleres que son xa máis da metade da poboación, e que “non podemos permitir que veñan a gobernarnos durante catro anos”.
Manuel Campos
O alcalde de Cuntis, o socialista Manuel Campos Velay pediu o apoio ao PSOE para continuar cos investimentos históricos que este goberno está a facer na localidade para a mellora da N-640, que recibirá un investimento de 15 millóns de euros para a mellora do firme e a rehabilitación da vía.
Reivindicou tamén as actuacións xestionadas pola Zona Franca para o Polígono Industrial de A Ran, e a conexión viaria co núcleo urbano a través dos fondos DUS 5.000 xestionados polo MITECO. Pediu o voto ao PSOE e a Pedro Sánchez para defender as actuacións do goberno fundamentais para o desenvolvemento do Concello.
