29N Carmela Silva Igualdade 26 de noviembre de 2026

Besteiro chama ás mulleres a levar a mobilización das rúas ás urnas cun voto masivo ao PSdeG: «Serán o dique de contención fronte á involución machista de PP e Vox»

Nun encontro de mulleres do PSdeG no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago, xunto a Carmela Silva e Lara Méndez, o secretario xeral cualificou de «realmente deleznable» a actitude do PP fronte á violencia machista

O PSdeG concorre ao 29N con mulleres á fronte de tres das súas catro listas ao Congreso, un 75%, máis de vinte puntos por riba da media estatal do PSOE

Carmela Silva advirte de que os populares, da man de Vox, «son un perigo real para as mulleres»

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este xoves en Santiago trasladar a mobilización das mulleres no 25N «das rúas á votación do 29 de novembro». «Concentrando o voto no Partido Socialista van ser o verdadeiro dique de contención contra a involución machista que representan o Partido Popular e Vox», afirmou nun encontro de mulleres organizado polo PSdeG no que interviñeron tamén a presidenta do partido, Carmela Silva, e a secretaria de Organización, Lara Méndez.

O socialismo, engadiu, seguirá sendo tamén «esa punta de lanza» no avance dos dereitos. Besteiro lembrou as vítimas da violencia machista e a resposta de onte en toda Galicia e en toda España, «unha expresión nas rúas realmente impresionante» para reivindicar o dereito das mulleres «a vivir libres, seguras, sen medo».

Nesa xornada houbo que lamentar tamén, dixo, as manifestacións do PP, que a seu xuízo non está en condicións de dar leccións. O secretario xeral respondeu así á deputada popular Cayetana Álvarez de Toledo, que onte pediu ás mulleres que non votasen ao Partido Socialista: «As mulleres, contra o que pensa o Partido Popular, non necesitan un partido que lles diga o que teñen que pensar, o que teñen que decidir, o que teñen que votar. Necesitan gobernos que recoñezan e defendan a súa liberdade e que garantan os seus dereitos».

Acusou os populares de camuflar a violencia machista «chamándolle violencia intrafamiliar» e de non apostar pola autonomía das mulleres sobre o seu corpo. Na mesma liña situou o seu rexeitamento ás subidas salariais, «que tamén benefician moito as mulleres», e a proposta de suprimir o Ministerio de Igualdade, nun partido que «non aposta pola igualdade económica das mulleres». A actitude do PP fronte á violencia machista é, para Besteiro, «realmente deleznable».

«Van ser as mulleres as que lle dean forza nestas eleccións do 29 de novembro», insistiu, a unha candidatura socialista «que é capaz de facer de dique de contención pero seguir avanzando neses dereitos». Ese goberno, segundo Besteiro, ten o nome do Partido Socialista encabezado por Pedro Sánchez.

Do debate a catro desta noite, o líder do PSdeG espera un Sánchez «propositivo» que, «dende a tranquilidade e dende a falta do histerismo que teñen o Partido Popular e Vox», defenda propostas de futuro. De Alberto Núñez Feijóo agarda «a mentira, a lama, as improvisacións e a falta de peso, de credibilidade e de confiabilidade nun candidato para gobernar», á vista do anterior debate e dunha traxectoria «onde a mentira ocupa todo». O traballo do Goberno, rematou, «non é ningún tipo de herdanza, senón un aval de confianza para seguir catro anos máis mellorando a vida de todos os españois e de todos os galegos e galegas».

Carmela Silva

«Quero dirixirme a todas as mulleres galegas. Xogámonolo todo.» Así abriu a súa intervención Carmela Silva, presidenta do PSdeG e cabeza de lista ao Senado por Pontevedra. Os avances conquistados en democracia, explicou, «foron posibles grazas ao movemento feminista, e só houbo un partido en España que foi capaz de levar esas reclamacións ao BOE. Foi o Partido Socialista».

Silva repasou despois a traxectoria do PP en igualdade. Recordou que levou ao Tribunal Constitucional as listas paritarias da Lei de Igualdade e que votou «en contra de todas as leis que teñen que ver cos nosos dereitos reprodutivos». As mulleres tiveron que saír ás rúas co Tren da Liberdade «para parar o Partido Popular». Os populares votaron tamén contra a lei de liberdade sexual e contra a Lei de Paridade, «que permite que as mulleres ocupemos os espazos de poder que nos corresponden».

«O Partido Popular, da man cómplice con Vox, que nega a desigualdade das mulleres e que nega a violencia machista que padecemos, é un perigo real para as mulleres», advertiu Silva, que pechou cun chamamento directo: «Imos parar a Vox e o PP».

No encontro, de escoita e de empoderamento, participou tamén Lara Méndez, secretaria de Organización e directora da campaña do PSdeG. Os socialistas galegos chegan ao 29N con cinco das súas oito candidaturas ás Cortes encabezadas por mulleres, un 62,5%. Son as de Obdulia Taboadela, Patricia Otero e Carmen Rodríguez Dacosta ao Congreso pola Coruña, Lugo e Ourense, e as de Carmela Silva e María Fernández Ojea ao Senado por Pontevedra e Ourense. No Congreso a proporción chega ao 75%, máis de vinte puntos por riba da media estatal do PSOE, situada no 52%.

Noticias relacionadas