Gómez Besteiro chama a contestar «con rotundidade» o 29N a quen en pleno 25N insulta a unha muller e cuestiona a dignidade das votantes socialistas
Inés Rey pon «nome e apelidos» aos discursos negacionistas, PP e Vox, e advirte de que os avances en igualdade están «en perigo real» o domingo
Natalia González reivindica a educación, a prevención e o acompañamento das mulleres como o compromiso que os socialistas manterán «dende o goberno»
As mulleres non necesitan «un partido que lles diga como teñen que pensar, como teñen que vivir e a quen teñen que votar». Con esa frase respondeu este mércores na Coruña o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a Cayetana Álvarez de Toledo, a número dous de Feijóo, que no propio Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres viñera, en palabras de Besteiro, «insultar unha muller chamándolle puta» e cuestionando a súa dignidade e a das que votan ao Partido Socialista. A resposta, avisou, hai que dala «claramente, con rotundidade, o próximo 29 de novembro».
Besteiro falou antes do inicio da manifestación do 25N, xunto á alcaldesa, Inés Rey, e á secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González, e lembrou que esta semana houbo outro crime machista, o dunha muller de 37 anos en Villarrobledo (Albacete), confirmado o luns polo Ministerio de Igualdade. Con el son xa 47 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas en 2026. A loita contra esta violencia «ten que facerse con recursos, con medios e con vontade política», sostivo o secretario xeral, e por iso considerou «especialmente chocante» que a dirixente popular elixise un día coma hoxe para atacar as mulleres.
Fronte a iso, Besteiro defendeu que o que precisa o país é «un goberno como o actual, que continúe defendendo os dereitos das mulleres á súa liberdade», e reivindicou o 25N como un día «para lembrar as vítimas da violencia machista, pero tamén para reivindicar os dereitos das mulleres a vivir libres e a vivir sen medo».
A alcaldesa da Coruña abriu a súa intervención coa cifra máis dura do ano. «Son 47 as mulleres asasinadas polo feito de seren mulleres no que vai de ano, son 38 os menores que quedaron orfos e orfas froito da violencia machista», lembrou Inés Rey, que puxo o foco na violencia vicaria, a que se exerce sobre os fillos e as fillas para facerlles dano ás nais, «un xeito aínda máis cruel, se cabe, de algo que podemos cualificar como terrorismo doméstico».
Ante iso, dixo, toca «berrar alto e claro que a violencia machista, lamentablemente, existe» ao tempo que insistiu en que «a violencia de xénero non é unha cuestión ideolóxica, a violencia de xénero son dereitos humanos”.
Rey considerou «absolutamente intolerables nun Estado democrático» os discursos que negan a violencia de xénero e desprezan as políticas de igualdade, e púxolles «nome e apelidos», o PP e Vox, Feijóo e Abascal. Son, segundo a alcaldesa, «os ultras da dereita», os que «queren vir coa motoserra a recortar os dereitos das mulleres, dende o dereito ao aborto ata derrogar a Lei integral contra a violencia de xénero».
E na lista, dixo, entra tamén a supresión do Ministerio de Igualdade e doutras políticas «que nos fixeron avanzar nos últimos anos, sempre, por certo, de gobernos socialistas, e que o domingo están en perigo, en perigo real”.
A súa intervención acabou nunha chamada directa ás urnas. Para non ter que «arrepentirnos o luns pola mañá», Rey pediu votar o domingo ás forzas progresistas e, «nomeadamente», ao PSOE, «o partido que garante os dereitos das mulleres», e non volver «de golpe e porrazo a unha España en branco e negro, corenta anos para atrás, onde as mulleres non contabamos para a sociedade». «O que nos xogamos son dereitos humanos», resumiu.
«Manifestámonos hoxe, pero traballamos todos os días para que os discursos negacionistas non calen na sociedade e para que non cheguen aqueles que veñen recortar e cercenar dereitos e liberdades», concluíu.
Natalia González situou a protesta no momento político que vive o país. O PSdeG acudía á Coruña «máis que nunca, quizais, ante o momento histórico que estamos a vivir», para reivindicar a defensa da igualdade e a loita contra unha lacra «que atenta contra os nosos dereitos e contra a igualdade». A secretaria de Igualdade pediu poñer o foco en «factores fundamentais como son a educación, a prevención e o acompañamento das mulleres», un compromiso que os socialistas seguirán asumindo a partir do 29N «dende o goberno do noso país”.
