O líder do PSdeG abre a campaña na provincia xunto a Patricia Otero, César Mogo e Jorge Bustos e pide concentrar o voto progresista para acadar o segundo deputado por Lugo
De Rozas ata Altri, pasando polo plan Impulsa Lugo e a aceleradora aeroespacial que nunca chegou á Residencia, Besteiro enumerou un a un os fiascos do PP na provincia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou hoxe en Lugo que Alberto Núñez Feijóo «presume de bo xestor» pero que a historia recente da provincia «contradío totalmente», porque nela se fixeron «investimentos millonarios, dilapidados, que remataron en proxectos industriais fracasados». Besteiro fixo estas declaracións aos medios no Pazo de Feiras e Congresos, no arranque da campaña das eleccións xerais do 29 de novembro, acompañado pola cabeza de lista socialista ao Congreso, Patricia Otero, polo número un ao Senado, César Mogo, e polo concelleiro de Lugo e número dous da candidatura ao Congreso, Jorge Bustos.
A elección do lugar tiña a súa razón. No Pazo de Feiras está instalada a aceleradora do polo aeroespacial, que segundo lembrou o líder socialista ía trasladarse hai oito anos ao barrio da Residencia para dinamizalo e que, pasado ese tempo, «segue aquí». «O peor é que non hai compromiso de que as empresas se manteñan, teñan a súa sede aquí en Lugo e xeren emprego aquí en Lugo», lamentou Besteiro, que estendeu a responsabilidade ao número un do PP pola provincia, Francisco Conde, por ser quen dirixía a política industrial da Xunta naqueles anos.
O dirigente socialista repasou despois a hemeroteca de Rozas. En 2016 anunciouse que o aeródromo ía converter Lugo na rexión máis dinámica na creación de avións non tripulados, cun investimento de 150 millóns de euros e 600 empregos, e “todo iso quedou en nada”. En 2022, continuou, Conde presentou novos socios, con Airbus diante, e prometeu máis de 280 millóns e 400 empregos ata 2026. “Pois xa estamos en 2026. Airbus replegouse hai dous anos e eses empregos aínda non os atopou ninguén”, ironizou. Besteiro quixo deixar claro que el cre en Rozas e que o aeródromo ten futuro, “en boa parte porque o Estado apostou por el co INTA”, pero reprochoulle á Xunta que prometese industria e emprego para Lugo, “e iso é xusto o que non chegou”.
Á lista sumou o plan Impulsa Lugo, que ía ser “unha verdadeira revolución industrial” para a Galicia interior e do que convidou os xornalistas a lembrar “algún tipo de iniciativa industrial”, e a macrocelulosa de Altri, que o Goberno socialista paralizou, dixo, porque carecía de viabilidade económica, ambiental e social. “Iso vai formar parte tamén do currículo de Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular, millóns dilapidados e proxectos fracasados e fallidos”, resumiu.
Jorge Bustos defendeu que «Lugo merece outra xestión, unha xestión que aposte pola cidade», e sostivo que os grandes avances chegaron sempre «da man do Partido Socialista». Puxo como exemplo o fondo de capital Lugo Transforma, que os socialistas impulsaron desde o Concello despois da crise sanitaria da covid coa condición de que as empresas apoiadas se establecesen na cidade para crear emprego, e que se traduciu, segundo explicou, nuns catro millóns de euros de investimento en máis dunha ducia de firmas que fixaron a súa sede social en Lugo.
César Mogo cualificou de «carcasa» a política industrial da Xunta, unha materia que lembrou que é competencia exclusiva da comunidade autónoma. «Non é unha política industrial, é unha política de facer que fan», dixo o candidato ao Senado sobre o balance do que chamou «o dúo Feijóo-Conde». Fronte a iso, cifrou entre 330 e 340 millóns de euros as axudas que o Goberno central destinou á provincia de Lugo neste tempo, a última delas o Kit Dixital, aproveitando os fondos europeos e os do Estado. «Fronte a unha inacción e un disimulo permanente da Xunta de Galicia, o Goberno inviste, e quizais non o diga tan alto porque o que interesa son políticas eficaces e non carcasas», engadiu.
Patricia Otero ligou o emprego industrial coa posibilidade de que a mocidade quede na provincia con traballos de calidade, e atribuíu os bos datos de afiliación e a baixada do paro á reforma laboral do Goberno de España, unha reforma que, lembrou, o BNG non apoiou. Por iso chamou a «aglutinar o voto progresista» arredor do PSdeG. Segundo as súas contas, os socialistas necesitan un 5% máis dos votos que tiveron en 2023 para lograr o segundo deputado por Lugo, mentres que a outra forza progresista tería que duplicar os seus para entrar no Congreso. «Estamos moi próximos a que Jorge estea no Congreso dos Deputados», afirmou, e apelou abertamente ao voto útil.
Preguntada polas expectativas coas que os socialistas comezan a campaña, Otero respondeu que saen «a gañar» e que Lugo vai ser decisiva para que Pedro Sánchez siga sendo presidente e para seguir subindo as pensións e o salario mínimo interprofesional. Contrapuxo a campaña en positivo do PSdeG, que renderá contas do feito e presentará propostas, coa dun PP que a xuízo dela «só está na campaña dos insultos e das descualificacións» e non ten máis proxecto que derrogar o sanchismo.
“PP e VOX detrás de cada conquista do benestar só ven negocio”
Besteiro completou a resposta en clave galega. Dixo que os socialistas se senten «animados» pola rúa que hai dous días reclamaba salarios dignos e que non miran para outro lado co problema da vivenda, do que responsabilizou o PP «non soamente polo que non fixo, senón polo que impediu que se puidese facer», en alusión aos atrancos que puxo á lei de vivenda e aos decretos contra os desafiuzamentos mentres seguía sen construír vivenda pública. Tamén se referiu ás pensións. «A dereita e a ultradereita, detrás de cada conquista do benestar, soamente ven negocio», sostivo, e citou a educación pública e o sistema de pensións como exemplos do que queren desmantelar, igual que a vivenda pública, na que a dereita só ve ocasión de especular.
O líder do PSdeG pediu concentrar o voto en provincias como Lugo e Ourense, onde lembrou que cada deputado serve para construír un goberno máis forte, e ir ás urnas «con emoción, con ambición, pero tamén con cabeza». «Todo o mundo vai recordar onde estaba o 29 de novembro e que votou», advertiu. Sobre a enquisa preelectoral do CIS, considerou que recolle o reforzo das posicións progresistas e que o Partido Socialista vai gañar as eleccións, aínda que matizou que «as enquisas, enquisas son» e que o traballo destes quince días consiste en que esa vitoria permita gobernar e frear a involución coa que ameazan a dereita e a ultradereita.
