29N José Ramón Gómez Besteiro 12 de noviembre de 2026

Besteiro chama a mobilizarse con ilusión e responsabilidade para defender o futuro de Galicia: «O único que separa avanzar de retroceder é o voto»

O secretario xeral do PSdeG pide concentrar o voto progresista no PSOE fronte á «motoserra de Feijóo e Abascal» e avanza unha campaña centrada en vivenda, salarios e pensións

“Non estamos ante unha campaña calquera porque non abonda con que medre a economia, o progreso ten que chegar á vida da xente», defendeu Besteiro no arranque da campaña do 29N en Vigo

En Ourense, Besteiro apelou á concentración do voto progresista e advertiu contra as falsas expectativas doutras candidaturas: “O único voto que pode arrebatarlle un escano ao PP é o do PSdeG”

Vigo, 12 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu esta tarde en Vigo a campaña das eleccións xerais do 29 de novembro cun chamamento a mobilizarse «con ilusión, responsabilidade e ganas para defender Galicia» e a concentrar o voto progresista no Partido Socialista. «O  único que separa avanzar de retroceder é o voto», advertiu na sede do PSdeG de Vigo, onde compareceu ante os medios acompañado polos candidatos socialistas da provincia de Pontevedra ás Cortes, entre eles os números un ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Abel Losada e Carmela Silva, e por outros cargos públicos como o alcalde Abel Caballero.

A poucas horas do comezo oficial da campaña, Besteiro asegurou que as e os socialistas chegan con «moitas ganas» de saír á rúa, de falar coa xente, de defender o conseguido e de explicar todo o que queda por facer, «e, sobre todo, ganas de gañar». «Sabemos moi ben o que está en xogo», sinalou, porque o 29N decídese quen vai gobernar e tamén o modelo de país.

O líder dos socialistas galegos remitiuse ao que se viu o mércores, cando «miles de persoas saíron ás rúas de Galicia» e deixaron «mensaxes moi claras», que queren «salarios que lles permitan vivir, unha vivenda que poidan pagar e uns servizos públicos que funcionen» e que non están dispostas a perder os dereitos que tanto custou conquistar. Esa é, dixo, a Galicia á que atacan as dereitas e á que os socialistas van escoitar e dar respostas.

«Non estamos ante unha campaña calquera. Porque non abonda con que medre a economía. O progreso ten que chegar á vida da xente», defendeu. Por iso avanzou que o PSdeG falará nestas dúas semanas «de máis vivenda pública, mellores salarios, pensións dignas, máis igualdade e máis oportunidades», e tamén do conseguido, porque Galicia «avanzou con Pedro Sánchez no emprego, na industria, nas comunicacións, no autogoberno e nos recursos para o benestar». «Os dereitos conquistados non son irreversibles. Hai que defendelos e hai que seguir ampliándoos», lembrou, antes de presentar os socialistas como «a garantía para seguir avanzando, como xa demostramos estes anos».

«Enfronte temos o insulto e a motoserra de Feijóo e Abascal para debilitar as conquistas sociais», advertiu, en referencia aos dereitos laborais, aos das mulleres e das persoas LGTBI e á dignidade de quen chega ao país buscando unha vida mellor. Ante iso, sostivo que «a mellor receita contra a involución é a mobilización» e que nunha cita tan decisiva «cada voto conta e cada escano conta», porque cada voto que se converta nun escano socialista servirá para frear a dereita e a ultradereita. De aí que considere «máis importante que nunca concentrar o voto progresista no Partido Socialista», que concorre, dixo, «cos mellores equipos».

Besteiro advirte en Ourense que os dereitos “tamén se poden perder”

Tras as declaracións en Vigo, Gómez Besteiro desprazouse a Ourense, onde se dirixiu á militancia no acto de inicio de campaña celebrado no Parque de San Lázaro xunto ás candidatas socialistas da provincia, Carmen Rodríguez Dacosta ao Congreso e María Fernández Ojea ao Senado. Alí animou os militantes a saír á rúa «coa cabeza alta, con orgullo polo conseguido e, sobre todo, con ilusión por todo o que aínda podemos conquistar», e resumiu o obxectivo en que «queremos gañar para que gañe a xente», os traballadores e as traballadoras, os pensionistas, as mulleres e a mocidade que quere construír o seu futuro aquí.

Besteiro advertiu de que os dereitos «conquístanse, deféndense e amplíanse, pero tamén se poden perder», e situou enfronte a Feijóo, «a quen en Galicia coñecemos ben, da man de Abascal, coa motoserra preparada». «Non imos permitir que convertan os dereitos de todos nos privilexios duns poucos. Eles queren reconstruír o pasado. Nós queremos seguir construíndo o futuro», afirmou. Para frealos hai unha maneira «que nunca falla cando a esquerda se mobiliza», que é «encher as urnas de votos socialistas», tamén nunha provincia onde o PSdeG ve ao alcance arrebatarlle un escano ao PP.

Pediu «que ninguén se deixe enganar por promesas nin por falsas expectativas», porque «unha cousa é a ilusión e outra son os votos que realmente se converten en escanos», e chamou a militancia a falar «con quen dubida, con quen está desencantado, con quen pensa que o seu voto non cambia nada».

Noticias relacionadas