O líder dos socialistas galegos asiste en Antas de Ulla ao partido entre os dous primeiros clasificados na primeira división galega de fútbol feminino, S.D. Antas de Ulla e C.D. Valladares
Antas de Ulla, 08 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe ao PP que apoie a emenda do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta para dedicar un millón de euros ao Plan de Apoio ao Deporte Feminino. Así o dixo en Antas de Ulla, onde asistiu ao partido entre os dous primeiros clasificados na primeira división galega de fútbol feminino, o S.D. Antas de Ulla e o C.D. Valladares.
Besteiro criticou a falta dun apoio decidido do PP dende o goberno galego ao deporte feminino, máis alá de accións puntuais, pero que impide que as mulleres ocupen o espazo que lles pertence tamén na práctica deportiva.
Advertiu da falla de presenza feminina no deporte federado, onde representan tan só o 23,5 por cento dos 300.000 deportistas federados en Galicia, e esixiu a presenza equilibrada de mulleres tamén nos órganos de goberno. Tamén reivindicou vestiarios femininos que garantan o acceso igualitario á práctica deportiva, así como a formación específica do persoal técnico – deportivo.
Chamou a potenciar a imaxe da muller no deporte a través nos medios de comunicación, impulsando un Plan de igualdade nos medios públicos de comunicación que garanta maior visibilidade das competicións deportivas e formar aos redactores e redactoras da sección de deportes en materia de igualdade para que inclúan unha perspectiva de xénero nas informacións.
O responsable socialista contrastou o desleixo do goberno galego co apoio decidido do goberno de Pedro Sánchez ao deporte feminino dende o ano 2018 co impulso á profesionalización das deportistas, a igualdade de dereitos e o financiamento do deporte practicado por mulleres.
Lei do Deporte
Lembrou que PP e Vox non apoiaron a Lei do Deporte de 2022, que incorporou medidas de igualdade, protección fronte á discriminación e impulso á conciliación e dereitos das deportistas. Ao mesmo tempo, no caso de Galicia a Xunta impulsou unha reforma da Lei do Deporte en decembro do ano pasado na que rexeitou as propostas dos socialistas galegos para garantir a práctica deportiva “en condicións de igualdade, seguridade e dignidade”.
Esixiu neste sentido unha nova Lei que aposte pola “igualdade real”, e protexa neste sentido ás deportistas en situación de embarazo ou maternidade, que supoña unha ferramenta para o impulso do deporte feminino e aplicar medidas de visibilización nos medios, acabando cunhas desigualdades que se perpetúan dende hai décadas. Resumiu que “sen unha reforma legal, ninguén vai garantir vestiarios adecuados para mulleres e nenas”.
