Abadín José Ramón Gómez Besteiro 7 de noviembre de 2026

Besteiro advirte que o 29N os galegos e galegas escollerán entre o goberno socialista que defende manter e incrementar as axudas aos gandeiros e o PP e Vox que queren recortar a PAC

O líder dos socialistas galegos visita a Feira de Santos de Gontán -Abadín- onde reclama unha PAC “suficiente, con financiación e que chegue a tódalas explotacións”

Abadín, 07 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe en Abadín que o 29N os galegos e galegas terán que escoller entre o goberno do PSOE, que defende manter e incrementar as axudas aos gandeiros, e a dereita e extrema dereita de PP e Vox que defenden o seu recorte dende Europa.

O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións antes de asistir á tradicional Feira de Santos de Gontán, no concello de Abadín, xunto coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e os cabezas de lista do PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia de Lugo, Patricia Otero e César Mogo.

Besteiro reivindicou unha PAC “suficiente, con financiación e que chegue a tódalas explotacións, fundamentalmente ás da Galicia interior, de Lugo e Ourense, pero tamén á Coruña e Pontevedra”. Visitou unha comarca “profundamente agraria e gandeira que precisa das axudas da PAC que representan entre o 15 e o 30 por cento das axudas ás explotacións e que se está discutindo en Europa” fronte a un PP e Vox que buscan o seu recorte”.

Explicou que o goberno socialista “defende que a PAC se incremente, que as axudas sexan máis fortes, suficientes e que se manteñan no tempo”, mentres a dereita e a ultradereita queren levar os recortes tamén ao goberno do Estado. Advertiu que os seus recortes “condenarán ao campo galego ao peche”, impedindo a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria e gandeira.

Apoio do goberno

Besteiro aludiu ao apoio amosado polo goberno socialista ao sector primario en España e na UE, e que supuxo só o ano pasado máis de 400 millóns de euros só en Galicia, que beneficiaron a 22.000 gandeiros e agricultores con axudas directas para afrontar a suba dos prezos da alimentación par ao gando, o gasóleo e os fertilizantes.

O goberno central ten destinado 1.174 millóns de euros de axudas específicas ao sector primario en todo o Estado para facer fronte á suba de prezos provocada pola guerra, que inclúen 159 millóns de euros de apoio en gasóleo agrícola e 665 millóns para fertilizantes, e se suman aos 10.000 millóns que ten entregado este goberno en apoios extraordinarios ao sector.

Noticias relacionadas