O secretario xeral do PSdeG acusa a Rueda de maltratar os dereitos sociais e de compartir con Vox a vontade de recortalos: «Nós defendemos os dereitos; vostedes, as dereitas»
Reivindica que os grandes avances en dereitos e liberdades chegaron da man de gobernos socialistas, fronte a un PP que se opuxo sistematicamente a eles e que agora volve poñelos en cuestión
Denuncia que Rueda antepón os negocios privados ao interese público e acusa o PP de converter os dereitos da cidadanía en oportunidades de negocio para uns poucos
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este mércores a Alfonso Rueda de ter perdido calquera reparo á hora de compartir camiño con Vox. «Señor Rueda, houbo un tempo no que, cando diciamos que PP e Vox eran o mesmo, vostede alporizábase. Agora xa nin disimula», espetoulle na sesión de control do Parlamento de Galicia, que o líder socialista dedicou aos dereitos sociais que se xogan o 29 de novembro.
Besteiro reivindicou que os grandes avances das últimas décadas chegaron da man de tres presidentes socialistas, desde os dereitos das mulleres e o matrimonio igualitario ata a memoria democrática, a morte digna e os dereitos das persoas trans, sen esquecer a liberdade cultural. Custou moito conquistalos e por iso, dixo, agora toca fortalecelos. O PP opúxose a todos eles «sistematicamente» e en moitos casos levounos ao Tribunal Constitucional, onde perdeu.
Os exemplos empezaron pola fiscalidade. Dos 2.100 millóns en rebaixas e beneficios fiscais que a Xunta contabiliza entre 2020 e 2025, sostivo que sempre foron dirixidos aos grandes patrimonios, e cuestionou que a nova rebaixa do IRPF sexa igual para todos, porque un membro do Goberno galego poderá deducir 150 euros mentres que a quen gaña o salario mínimo apenas lle chega para uns 3 euros. «E o que acontece coas reducións fiscais acontece tamén cos dereitos sociais», engadiu.
No caso do aborto, denunciou que a Xunta segue sen garantir plenamente o acceso nos hospitais públicos próximos e que nos centros sanitarios falta información axeitada. Fronte á proposta do PSOE de blindar ese dereito na Constitución, Feijóo anuncia que o vai revisar e Vox quere derrogalo. «Señor Rueda, non se é máis feminista porque un teña nai ou fillas», advertiu Besteiro, para quen o feminismo empeza por recoñecer o dereito das mulleres sobre o seu corpo.
Coa eutanasia puxo o foco no tempo. En Galicia, o 35% das persoas que solicitan a axuda para morrer falecen sen que se lles chegue a recoñecer ese dereito. «Para eles o tempo é importante. Non están para as disquisicións ideolóxicas do PP e de Vox», afirmou. Vox quere derrogar a lei e Feijóo poñerlle atrancos, e na Xunta o que hai son demoras.
Na cultura, lembrou as preto de 36.000 persoas que traballan no sector en Galicia e que denuncian, entre outras cousas, precariedade, e reprochoulle á Xunta que lles responda cunha execución orzamentaria baixa. Tamén apuntou a Feijóo, que xa avanzou que deixará sen fondos públicos a cultura que el considere «sectaria», o que para o socialista é meter a tesoira da censura e decidir que cultura é aceptable e cal non. «A cultura nin necesita censores nin necesita tutelas políticas», sentenciou.
En memoria democrática, recordou que Galicia ten 106 fosas recoñecidas da represión franquista e que só entre A Coruña e Ferrol hai máis de 1.600 vítimas sen localizar, con familias que queren recuperar os restos dos seus seres queridos. O Goberno galego cala, denunciou, mentres Feijóo promete derrogar a Lei de memoria democrática e Vox quere seguir o camiño que PP e Vox xa percorren xuntos alí onde gobernan, como en Estremadura e Aragón.
«Cando dous partidos coinciden nos dereitos que deben ser eliminados ou recortados, xa non hai diferenza de ideas. Soamente hai diferenza de siglas», resumiu Besteiro, que puxo como exemplo a candidatura ao Senado por Pontevedra, onde Vox presentará un único candidato tras pactar co PP. «Se vostedes non son capaces de garantir eses dereitos, como van selo cando pacten con aqueles que din que os queren eliminar? Nós defendemos os dereitos, vostedes defenden as dereitas”.
Na réplica, o socialista insistiu en que Rueda non foi quen de citar un só avance social do PP. «Non é que lle falle a memoria, é que non o houbo», ironizou. Tamén volveu sobre a igualdade para lembrar que Feijóo quere suprimir o Ministerio de Igualdade cando Rueda xa eliminou a Secretaría Xeral da Igualdade para substituíla por dúas direccións xerais, nunha área que leva tres cambios en menos de seis meses.
Na vivenda, Besteiro cifrou en 37.140 os demandantes de vivenda pública en Galicia, unha lista que non para de medrar, fronte ás 10.000 vivendas públicas que Rueda promete para 2030. E fixo contas co millón de vivendas que Feijóo promete en catro anos, 685 ao día, para reparar no adxectivo que lles falta. «Fala dun millón, pero fala de vivendas non públicas. Iso si que é unha burbulla, señor Rueda», advertiu.
A sanidade, a educación, as pensións e a dependencia públicas construíronse con gobernos socialistas, lembrou, e agora toca o quinto piar, a vivenda pública. «Detrás de cada conquista social vai a aposta da dereita e do Partido Popular para entrar no negocio», denunciou. Das pensións, criticou que o PP prometa revalorizalas co IPC mentres se nega «a votar por lei e elevar ao rango constitucional a suficiencia das pensións de hoxe e das de mañá», porque, dixo, non cre no sistema. E citou un exemplo próximo, o complemento galego ás pensións non contributivas, que apenas se moveu nos 18 anos que leva en vigor.
«Non lembra ningún avance en dereito social porque o que vostedes fixeron foi retroceder», concluíu.
