Aborto Paloma Castro PARLAMENTO DE GALICIA 4 de noviembre de 2026

O Grupo Socialista alerta de que PP e Vox queren recortar o dereito ao aborto

Paloma Castro apunta que a interrupción voluntaria do embarazo é “a expresión máis clara da liberdade, a igualdade e a dignidade das mulleres”

Santiago de Compostela, 04 de novembro de 2026. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou hoxe de que PP e Vox queren “retroceder, con sorte, 40 anos” no dereito ao aborto. Castro presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que apoie unha reforma constitucional para blindar o que é “a expresión máis clara da liberdade, a igualdade e a dignidade das mulleres”.

A responsable socialista presentou esta iniciativa logo das declaracións do candidato do PP á presidencia do goberno pedindo unha reforma da Lei que afecte ao principio de obxección de conciencia dos profesionais e á necesidade de autorización parental nas menores de 16 e 17 anos. Advertiu fronte á intención de PP e Vox de “devolvernos dunha plumada a unha Lei de supostos como a de 1985”.

Castro sinalou que “non existe liberdade plena para as mulleres se non podemos decidir sobre os nosos propios corpos, sobre a nosa maternidade e sobre os nosos proxectos de vida”. Engadiu que “nunha democracia non pode falar de igualdade real mentres a liberdade das mulleres para decidir sobre a súa propia maternidade siga exposta a posibles retrocesos lexislativos”, sinaladamente cunha dereita que “soña con facernos regresar ás mulleres a tempos pasados e escuros”.

Dixo que “a cuestión non é se Galicia cumpre hoxe a Lei, a cuestión é que garantía teremos mañá de que ese dereito non sufra un retroceso”, e cualificou de “incrible” que “en pleno século XXI esteamos aínda intentando blindar os nosos dereitos como mulleres porque en canto te despistas se tambalean”. Engadiu que fronte á “ofensiva reaccionaria” cumpre defender o dereito ao aborto “non como un xesto do pasado, senón unha tarefa inaprazable do presente para blindar o futuro”.

Educación sexual

Sinalou que a garantía á interrupción voluntaria do embarazo “debe ir da man de políticas efectivas de educación sexual integral” “que nos empodere para tomar decisións informadas e saudables”. Explicou que esa educación “debe ser accesible, con información veraz, actualizada e baseada en evidencias científicas, para  que poidamos comprender plenamente o noso propio corpo, as nosas emocións e as nosas relacións”.

Considerou “esencial” que a dita educación “sexa respectuosa e sensible á diversidade de experiencias e realidade das mulleres, recoñecendo e valorando as nosas orientacións e contextos sociais”.

Noticias relacionadas