A emenda á totalidade do PSdeG aposta por fortalecer os servizos públicos, con 289 millóns máis para os concellos, que financiaríanse coa fin dos privilexios fiscais das grandes fortunas e coa condonación da débeda
O Grupo Socialista propón 200 millones adicionais para a Vivenda, “para ampliar o alugueiro accesible, recuperar vivendas baleiras, rehabilitar barrios deteriorados e axudar ás familias que necesitan unha solución agora”
Besteiro defende un plan contra a seca, co cambio climático no foco, e un fondo industrial para a Galicia interior*
O líder socialista acusa a Rueda de insistir en políticas que non funcionan e lembra que que os pacientes que levan máis dun ano agardando consulta pasaron de 145 a 1.118
O PSdeG quere que os orzamentos galegos de 2027 inclúan 100 millóns para un Plan Galego de Adaptación Climática e Seguridade Hídrica e un Fondo Industrial de Equilibrio Territorial de 50 millóns para as provincias de Lugo e Ourense. Son dúas das novidades da alternativa de 1.236 millóns que o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este venres en rolda de prensa. Con ela argumentou a emenda á totalidade que o grupo rexistrou onte no Parlamento para pedir a devolución duns orzamentos que, sinalou Besteiro, “debilitan os servizos públicos e abren a porta a facer negocio co que debería ser un dereito”.
O secretario xeral do PSdeG lembrou que a boa marcha da recadación permite á Xunta dispoñer duns 900 millóns máis que o ano passado, que “chegan a través dese «sistema de financiamento que tanto critica o presidente da Xunta, Alfonso Rueda». Pero, engadiu, «o máis importante destes orzamentos é como afectan as contas á vida da xente».
E aí o socialista ve un PP que mantén o alivio fiscal aos grandes patrimonios mentres ofrece ao resto unha rebaixa do IRPF «realmente irrisoria», que deixa aos galegos e ás galegas «aproximadamente dous cafés ao mes». Como exemplo, sinalou que os bingos seguen coa rebaixa de impostos que se lles deu para recuperarse da covid. «Fíxense vostedes como establece o PP as súas prioridades en materia fiscal», ironizou. Para Besteiro, estas contas non alivian os problemas da xente, «o que fan é precisamente agravar eses problemas».
«Hoxe temos unha situación absolutamente dramática en relación coa vivenda e as políticas de Rueda non fan máis que agravala», afirmou. Así, destacou que as peticións de vivenda pública subiron un 150% desde que Rueda preside a Xunta e no último ano sumáronse á lista 41 persoas cada día.
Mentras, na sanidade, as persoas que levan máis dun ano esperando por unha consulta médica pasaron de 145 a 1.118 en doce meses. A iso súmase o aviso do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que xa anunciou que as taxas e os prezos dos servizos públicos subirán en canto se conteña a inflación. E todo, dixo Besteiro, “cunha economía galega que segue por detrás da española en salarios e en creación de emprego”.
Fronte a iso, o PSdeG propón mobilizar 1.236 millóns para reforzar os servizos públicos e conseguir que a bonanza económica «se traslade tamén a todas as familias galegas dunha forma real». Os cartos sairían de poñer fin aos privilexios fiscais das grandes fortunas e dos grandes patrimonios e de aplicar a condonación da débeda.
Os concellos levan a partida máis grande, con 289 millóns máis. Deles, 200 irían a un Plan Único de financiamento municipal aberto a todos, «á semellanza do que hai nas deputacións provinciais», e 30 a compensar integramente o canon de Sogama. Outros 50 millóns servirían para modernizar as redes de abastecemento e reducir as perdas de auga, unha obra que os concellos «sós non poden afrontar». Besteiro ligouna á seca, que «apareceu con toda crudeza este ano» e que, advertiu, «vén para quedar no noso país». Inclúe tamén 4 millóns para a capitalidade de Santiago e outros 4 para o Consorcio de Vigo. É a resposta á asfixia que denunciaron esta semana no Parlamento as deputacións da Coruña e Lugo.
No rural, o PSdeG reserva 100 millóns para un plan integral de prevención de incendios e de recuperación das zonas queimadas, porque hai moitas que «hoxe non están recuperadas». Engade 15 millóns para mellorar as condicións de quen traballa na prevención e na extinción, e outros 100 para o Plan Galego de Adaptación Climática e Seguridade Hídrica, para recuperar auga e evitar perdas, sobre todo lonxe dos grandes núcleos urbanos, onde a falta de auga castiga a actividade agrogandeira e forestal.
A outra gran novidade mira cara á Galicia interior. O Fondo Industrial de Equilibrio Territorial, de 50 millóns, quere desenvolver políticas industriais en Lugo e Ourense e está «dirixido especificamente a recuperar un equilibrio territorial», o que obriga, segundo os socialistas, a cambiar as prioridades de investimento da Xunta.
200 millóns adicionais para Vivenda
En vivenda, a emenda suma 200 millóns. Besteiro defendeu o Banco Público de Aluguer, que «onde se está aplicando está tendo uns resultados fantásticos», e a ampliación do Bono Alugueiro Mocidade. Os socialistas apoian as zonas tensionadas, cos beneficios fiscais para os arrendadores desas zonas, e destinan 40 millóns a residencias universitarias públicas. Tamén queren reforzar a rehabilitación de barrios, que a Xunta tende a abandonar, e actuar sobre a vivenda baleira, «que hai moita en Galicia», en lugar de fialo todo a pisos novos que obrigarán a esperar «durante moitísimos anos».
A sanidade recibiría 133,5 millóns máis, coa atención primaria como «verdadeira prioridade». Inclúe 23 millóns para persoal sanitario e non sanitario, logopedia, podoloxía, máis fisioterapia e traballo social e 19 millóns para saúde mental. En política social, os 185 millóns «por riba do propio incremento que fixa a Xunta» permitirían facer gratuíta a axuda no fogar e recuperar a Tarxeta Básica que o PP lles retirou ás familias máis vulnerables, ademais de impulsar residencias de proximidade cofinanciadas coas deputacións.
En educación, os 36 millóns máis recuperan a proposta socialista do comezo do curso, con profesorado de apoio, orientadores, coidados e a mellora de 60 centros. Engádense as bolsas comedor e o mantemento da gratuidade das taxas universitarias. A alternativa recolle ademais 30 millóns para liberar de peaxes a AG-55 e a AG-57, as autoestradas da Xunta, porque «o que pedimos para as autoestradas do Estado, tamén o apliquemos aquí».
Galicia vota en tres semanas e Besteiro cre que estes orzamentos pesarán nesa decisión, porque «do que estamos falando, tanto o 29 de novembro como agora, é de dous modelos». O do PP, dixo, que penaliza os dereitos sociais e fai que a bonanza «soamente beneficie a uns poucos». E o dos socialistas, con «unha aposta clara polos servizos públicos e polo seu fortalecemento, e non pola deriva cara ao privado e o debilitamento dos nosos servizos públicos».
Xa nas preguntas, insistiu en que ese debate é o mesmo que se decide en España, coa vivenda como «quinto piar do Estado do benestar» xunto ás pensións, á educación e á sanidade públicas e á dependencia. E citou a AP-9, cuxa transferencia votaron en contra PP e Vox no Congreso. «Non podemos reclamar a gratuidade da AP-9, pedir a transferencia, despois non querela, non aceptala, e seguir mantendo as peaxes na AG-55 e na AG-57», criticou.
