Aior Bouza Educación Ordes 5 de noviembre de 2026

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta «un proxecto serio de modernización» do CEIP Castelao de Ordes

Aitor Bouza advirte que o centro “conserva en boa parte os materiais orixinais cos que foi construído nos anos 50 anos” e que a súa situación é “especialmente preocupante” mentres o Goberno galego “mira para outro lado”

O deputado do PSdeG sostén que as numerosas deficiencias do edificio, que incluso representan riscos para o alumnado, fan inviable calquera actuación parcial: “Non se pode poñer parche tras parche”

O deputado socialista Aitor Bouza defendeu hoxe na Comisión de Educación do Parlamento galego a necesidade de acometer unha renovación integral do CEIP Castelao de Ordes. No debate dunha iniciativa nese senso, advertiu da situación “especialmente preocupante” na que se atopa unha infraestrutura “que conserva, en boa parte, os materiais orixinais cos que foi construído nos anos 50”. Por iso, criticou que, mentres, a Xunta “mira para outro lado”.

Ao seu xuízo, é indispensable acometer “un proxecto serio de modernización e posta ao día” do edificio para subsanar as numerosas deficiencias que presenta. Entre elas, Bouza enumerou os problemas de fontanería, que derivan en “irregularidades na calidade da auga”, o deterioro do pavimento do patio, que dificulta o seu uso en condicións seguras, ou a presenza de barreiras arquitectónicas.

Sinalou tamén a posible presenza de amianto nas cubertas, fonte de preocupación entre a comunidade escolar. Nese senso, demandou, a maiores, unha profunda revisión desa parte do edificio.

Aitor Bouza remarcou que todo o anterior, sumado ao deterioro xeral do inmoble, “fai inviable calquera actuación parcial”. “Non se pode poñer parche tras parche”, sinalou respecto de reparacións menores realizadas pola Administración autonómica. “O CEIP Castelao precisa unha intervención integral, programada, financiada e executada pola Xunta que permita asegurar que o centro cumpre cos estándares mínimos dunha educación pública de calidade no século XXI”, defendeu o deputado socialista.e 

A iso engadiu a necesidade de que a Consellería de Educación mude a súa actitude e atenda á comunidade escolar. “Hai unha pasividade absoluta da Xunta de Galicia ante as súas reivindicacións, e fai falta escoita e solcións”, censurou.

Noticias relacionadas