CAIP Santo André de Xeve Paloma Castro Pontevedra 5 de noviembre de 2026

Paloma Castro esíxelle á Xunta que aos nenos e nenas do CEIP Santo André de Xeve «non lles caia o teito enriba mentres aprenden e non estean expostos a unha substancia canceríxena»

“De que serve falar da escola do futuro se non son capaces de garantir unhas condicións dignas e seguras nas escolas do presente?”, cuestionou a deputada do PSdeG

“A verdadeira arquitectura pedagóxica empeza polo básico”, sinalou en referencia ao plan co que a consellería di perseguir unha maior calidade nos centros educativos

“A arquitectura pedagóxica non pode quedar nun catálogo de fotografías bonitas e grandes anuncios. A verdadeira arquitectura pedagóxica empeza por algo moito máis básico: que aos nenos e nenas non lles caia o teito enriba mentres están aprendendo e non estean expostos a unha substancia canceríxena”. Foi esa contradición, entre o propagandístico Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta e a realidade de centros escolares abandonados pola consellería, a que a deputada socialista Paloma Castro empregou para resumir a grave situación na que se atopa o CEIP Santo André de Xeve, en Pontevedra.

A deputada do PSdeG detallou hoxe en comisión parlamentaria os moitos problemas que padece a comunidade educativa ante a inacción das administracións competentes, un dos cales é o “grave deterioro” do falso teito do edificio. Varias das placas caeron tanto en aulas coma no corredor central, o que representa un problema de seguridade. Pero a este súmase “a presumible presenza de amianto nos materiais”, unha circunstancia “especialmente preocupante” polo risco que representa para a saúde. O que si está contrastado é que, “segundo trasladou a dirección do centro”, se están desprendendo partículas ao medio ambiente e xa hai casos de irritacións pola manipulación de elementos desprendidos.

Castro recordou que a inhalación de fibras de amianto esta asociada a graves enfermidades respiratorias e mesmo a diferentes tipos de cancro. Existe, polo tanto, gran preocupación entre os pais e nais pola posible exposición dos seus fillos a ese material. Por enriba, o mal estado das placas obriga a traballos de mantemento que incrementan a liberación de fibras e, polo tanto, a exposición do alumnado, do profesorado e do resto de persoal.

Por iso, esixiu que a Xunta “actúe con carácter urxente e adoitando todas as medidas de protección necesarias”. Demandou, en primeiro lugar, a elaboración dun informe sobre os materiais, para proceder despois á retirada do amianto e, finalmente, á substitución integral do falso teito “con materiais seguros”.

Non foi a única eiva grave que Paloma Castro denunciou. O CEIP Santo André de Xeve ten un problema de abastecemento de auga desde hai dous anos. De feito, a Xunta, segundo informacións publicadas nos medios de comunicación, vén de sancionar ao Concello por ese motivo, tras análises que revelaron “reiterados incumprimentos dos límites legais de manganeso e radioactividade” na auga. A deputada socialista esixiu información sobre esas análises. “Cantas se fixeron, con que periodicidade e hai variacións neses parámetros?”, preguntou.

Referiuse tamén ao estado no que se atopa o pavillón de ximnasia, con filtracións de auga “que provocan que estea cheo de humidades e se inunde de xeito recorrente cando chove moito”. Nese senso, reclamou unha actuación na cuberta e a substitución das canles de recollida de auga. Tampouco se atopa en condicións de uso o parque de xogos, tal como recordou. O caucho desprendeuse en varias zonas e moitos dos elementos están rachados, “co perigo que supón para nenos e nenas”. Por iso, pediu que se substitúa por un novo.

Finalmente, salientou que o CEIP precisa unha mellora da súa biblioteca, xa que o espazo que ocupa, equivalente ao dunha aula, “resulta insuficiente para as necesidades do centro”. “Para a súa ampliación proponse incorporar o espazo contiguo mediante a retirada dun tabique, e aproveitando a intervención, renovar o teito e a iluminación, ademais de instalar un pavimento axeitado”, detallou.

Noticias relacionadas