O deputado do PSdeG critica que se perdeu a oportunidade de lexislar con xeito sobre un asunto fundamental, máis aínda polo impacto da intelixencia artificial
A nova lei sobre educación dixital que está a impulsar a Xunta non pasa de ser un simple intento de “poñerse a medalla” situarse como primeira comunidade autónoma en impulsar unha norma deste tipo. Asegurouno esta tarde Aitor Bouza minutos antes de que se votase en comisión parlamentaria o ditame da ponencia sobre o proxecto de lei.
Para o deputado socialista, pérdese así a oportunidade de lexislar “sobre un asunto fundamental”, como é o impacto da dixitalización nos centros educativos, máis aínda ante a realidade da intelixencia artificial. Esa ansia dos populares vai rematar, ao seu xuízo, coa nova lei “gardada nun caixón por ineficaz”.
Bouza lembrou que o Grupo Socialista pedira no seu momento unha comisión de estudo para dispoñer dunha “base fundamentada” á hora de lexislar sobre unha cuestión de tanta relevancia. Lamentou que, pola contra, o Partido Popular se negase para priorizar as súas présas sobre as necesidades da comunidade educativa e as familias.
Criticou, por outra banda, que das 156 emendas que presentou o PSdeG para tratar de mellorar o texto, o PP aceptase unicamente catro.
