Julio Torrado PARLAMENTO DE GALICIA Sanidade 5 de noviembre de 2026

O Grupo Socialista reclámalle ao Sergas que asuma os custes derivados dos tratamentos hormonais alternativos provocados polo desabastecemento de Lenzetto

Julio Torrado critica que o goberno galego estivo “mirando” sen facer nada e esixe que informe ás pacientes afectadas

Santiago de Compostela, 05 de novembro de 2026. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao Sergas “información e asumir os custes” provocados ás pacientes afectadas polo desabastecemento do tratamento hormonal co medicamento Lenzetto. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade do Parlamento na que lle afeou ao goberno galego que non fixera “nada” fronte a un problema serio de falta de medicamentos.

Torrado reclamoulle ao responsable do Sergas que lle paguen ás pacientes que tiveron que asumir os custes dos tratamentos alternativos con medicamentos que non estaban incluídos inicialmente. Advertiu que as pacientes non poden interromper a terapia hormonal e tampouco teñen ningunha responsabilidade do desabastecemento, pero levan oito meses nunha situación de inseguridade pola falla de existencias.

Explicou que o desabastecemento do medicamento, que se está a prolongar durante os últimos oito meses, provocou que as pacientes que o estaban a empregar para terapias hormonais para afrontar a menopausia, persoas trans, casos oncolóxicos pediátricos ou tratamentos de fertilidade, pasaran a utilizar parches Evopad. Isto provocou tamén a rotura de stock deste medicamento, derivando en tratamentos con xel que sufriron o mesmo problema.

Diante desta situación, a UE reaccionou de maneira “lenta e tardía”, e a administración estatal puxo en marcha o stock da Axencia Española do Medicamento, pero o Sergas, que é o principal responsable da asistencia ás pacientes, “estivo mirando o partido sen facer ningunha actuación nin ofrecer información real” ás persoas afectadas.

Esixiulle ao goberno galego que deixen de minimizar o problema e reclamou “unha resposta” ás numerosas afectadas en toda Galicia. Criticou que a resposta do goberno galego sexa “meterlle a responsabilidade a outro” sinalando ao Estado, pero “apuntándose á solución” cando logo de oito meses de impasse todo apunta a que os tratamentos hormonais volverán contar con existencias.

Noticias relacionadas