“Cada vez acontece con máis frecuencia que a xente chega ao médico e non hai médico”, denunciou a deputada Silvia Longueira tras vivirse no ambulatorio de Curtis “un dos veráns máis caóticos”
A deputada socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe á Xunta solucións aos déficits de atención que se están producindo en centros de saúde coma o de Curtis e a súa contorna, onde hai uns meses se pasou por “un dos veráns máis caóticos”. Durante a súa intervención en comisión parlamentaria esta mañá, sinalou que, ante a falta de persoal, o Goberno galego debe “buscar un xeito de arranxar o problema” para non deixar sen médico á veciñanza.
Recordou, ademais, que o interior da comarca de Betanzos é unha zona con poboación avellentada, entre a que teñen especial incidencia as temperaturas estremas, non só as da anterior vaga de calor, senón que “veñen aí as tempadas de gripe” asociadas ao inverno.
Asegurou que se trata dun problema que se estende polos diferentes concellos da zona, en cuxos ambulatorios “cada vez acontece con máis frecuencia que a xente chega ao médico e non hai médico”. Referiuse a centros de saúde coma os de Coirós, Irixoa ou Aranga, nos que ás veces “coincide que non hai facultativo en ningún”.
“A poboación está preocupada por isto, por non saber se hai médico e onde hai médico”, afirmou Longueira, que lle lembrou á Xunta que, máis alá de que o cupo de pacientes “vaia xa por enriba dos 1.300” e de que alegue falta de médicos para cubrir as prazas, é súa a responsabilidade atopar a solución. “Non pode ser que non a haxa”, advertiu.
