Besteiro Folga xeral 11N José Ramón Gómez Besteiro 5 de noviembre de 2026

Besteiro chama a unha mobilización masiva na folga do 11N: «Estaremos coa maioría taballadora fronte a quen actúa contra os seus dereitos»

O secretario xeral do PSdeG, que hoxe mantivo unha reunión cos secretários xerais de CCOO e UGT, anunciou que o partido apoia o paro e participará nas mobilizacións

Os sindicatos denuncian que lles retiraron a documentación da convocatoria de folga que traían á reunión na entrada do Parlamento

O líder socialista reclámalle a Rueda explicacións sobre a da AP-9 no día en que Galicia suma dúas novas competencias e advirte de que “as novas competencias traen novas responsabilidades”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avisou este xoves de que, coa folga xeral do 11 de novembro, «os únicos que se poden sentir comprometidos son aqueles precisamente que queren recortar todos eses dereitos». Fíxoo no Parlamento de Galicia, despois de reunirse coa secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, e co secretario xeral de UGT Galicia, Cristóbal Medeiros, e de confirmar que os socialistas galegos estarán no paro. «Imos apoiar esa folga xeral, imos participar nese díal», afirmou.

A xuntanza foi «moi positiva», dixo, porque coinciden «na oportunidade desa folga xeral» e nos obxectivos da mobilización. Lonxe de sentirse «interpelados negativamente» pola convocatoria, o socialista ven nela «todo o contrario». Besteiro defendeu a suba dos salarios e lembrou que «hoxe mesmo se pon enriba da mesa unha nova suba do salario mínimo interprofesional, porque somos conscientes da situación que se vive de alza de prezos, de carestía da vida». Defendeu tamén a aposta pola vivenda pública e os esforzos que se están facendo, aínda que admitiu que «non son suficientes» e que «hai que facer máis”.

Os dereitos que, segundo Besteiro, están en xogo son a negociación colectiva, uns salarios que permitan vivir, uns servizos públicos fortes, que forman parte do salario indirecto da clase traballadora, e o acceso a unha vivenda digna. «Eu comparto eses obxectivos, o Partido Socialista comparte eses obxectivos e, por tanto, non nos sentimos criticados», insistiu. 

Para Besteiro, a folga é «unha suma» no camiño no que os socialistas e o Goberno de España están comprometidos coa suba dos salarios e cos servizos públicos, e cunha vivenda que ten que ser pública, ao contrario que a que propón a dereita e a «outra dereita», que segundo destacou prometen vivendas sen cualificalas como públicas.

O PSdeG animará a maioría social a tomar conciencia «de que hai quen quere recortar eses dereitos que custou tanto tempo e tanto sacrificio por parte de moitas xeracións conseguir». «Non imos consentir que se arrebaten», rematou o secretario xeral, que tampouco pasou por alto o episodio que os sindicatos acababan de denunciar. «Ao mellor condieran que un panfleto é unha arma de destrución masiva», ironizou.

Previamente, Amelia Pérez abrira a comparecencia contando que na entrada do Parlamento lles retiraron os carteis co anuncio da folga e o manifesto da convocatoria. «No Parlamento de Galicia non se pode entrar cun panfleto chamando á folga xeral, algo que nos parece inaudito», protestou a dirixente de CCOO, que atribuíu a retirada a ordes da presidencia da Cámara e ironizou con que a censura parece chegar antes mesmo das eleccións do 29 de novembro. «Non sei se este modus operandi obedece a algunha cuestión de que sexamos elementos perturbadores ou algo polo estilo, e quero que quede constancia da nosa denuncia», engadiu.

Pérez agradeceu ao PSdeG e a Besteiro que os recibisen e defendeu que a folga «ten máis que sobrados motivos». A chispa foi «ese desafortunado desafiuzamento de Maricarmen», pero detrás hai, dixo, «un problema de políticas de vivenda estrutural neste país que se come a maior parte dos incrementos salariais». Por iso o paro vai contra os especuladores e contra quen bloquea a negociación colectiva e afoga no día a día a clase traballadora.

Para Cristóbal Medeiros trátase de «unha folga pola dignidade, unha folga por un teito, unha folga por un anaco de pan». O secretario xeral de UGT Galicia denunciou que «soben moito máis os prezos dos alugueiros do que poden subir os salarios», ata o punto de que «a pesar de ter traballo, non dá para vivir». Ás reivindicacións da folga, dixo, haberá que sumarlle a da liberdade de expresión, porque lle parece «surrealista total que nos quiten un cartel de anuncio da folga». Pechou cun chamamento a toda a cidadanía para que se sume ao paro.

Xa na quenda de preguntas, Pérez avanzou que a manifestación central será en Vigo e que haberá mobilizacións en todas as cabeceiras de comarca. Pola mañá serán as das organizacións sindicais, co peche dos centros de traballo, e pola tarde CCOO e UGT sumaranse ás convocadas co Sindicato de Inquilinas e o resto de colectivos sociais. 

Medeiros, pola súa banda, reivindicou o traballo sindical destes anos. Lembrou a reforma laboral e a revalorización das pensións co IPC, e engadiu as subas do salario mínimo. Se a folga chega agora, explicou, é porque a patronal non quere sentarse a negociar o novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) e porque o caso de Maricarmen foi a gota que colmou o vaso.

Valoración das novas competencias e dúbidas sobre a posición de Rueda sobre a AP9

A preguntas dos medios, Besteiro valorou as dúas competencias que Galicia asume este xoves na Comisión Mixta de Transferencias, as autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e a xestión dos aeródromos que non son de interese xeral. Atopáronse, dixo, con «un goberno absolutamente facilitador» que demostrou «desde o primeiro momento, desde a súa petición, unha rapidez e unha eficacia» no traspaso. Pero «novas competencias implican novas responsabilidades», avisou.

Lembrou o caso do litoral, unha competencia que «ía cambiar o mundo en Galicia» e da que «aínda estamos esperando polos plans de rexeneración de rías, polos plans antierosión», e pola protección ambiental da costa. Agora espera que funcione «moitísimo mellor» a chegada de traballadores estranxeiros cos permisos que se poderán dar desde Galicia e que mellore a xestión dos aeródromos, aínda que «o pasado tennos acostumados a que, cando se asumen esas competencias, non veñen aparelladas de maior responsabilidade e maior eficacia».

Sobre a AP-9, Besteiro acusou o PP de non ter présa e de estar «preparando todo para presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional» contra a transferencia. «Por que a Xunta de Galicia, por que Alfonso Rueda non quere aceptar a transferencia da AP-9? Tantos anos pedindo esa transferencia e agora resulta que, cando chega, non a queren», lamentou. Os motivos, para el, «son difíciles de xustificar», e agora que se fala de transferencias «é un momento bo para que dea explicacións sobre ese atraso”.

Noticias relacionadas