Julio Torrado sinala que “morrer dignamente é o mellor exercicio vital posible” e lamenta que o PP galego siga a estela da “burla e ignorancia ofensiva que somentes os cínicos poden ofrecer”
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta para garantir habitacións individuais para os enfermos terminais nos centros hospitalarios galegos. O responsable socialista reclamou blindar as condicións dos enfermos terminais porque, dixo, “morrer dignamente é o mellor exercicio vital posible”.
Torrado lamentou o voto en contra do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento celebrada hoxe, seguindo a liña marcada polo seu líder amosando unha “burla e ignorancia ofensiva que somentes os cínicos poden ofrecer”. O responsable socialista sinalou que “estamos en condicións” de avanzar na dignidade ata o último momento da vida das persoas.
Explicou que a Lei galega de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais de 2015 contempla esta posibilidade, pero suxeita á dispoñibilidade e que “non se cumpre sempre”. Reclamou por iso garantías para que estes pacientes e as súas familias dispoñan de instalacións adecuadas, con habitacións individuais apartadas das zonas de maior tránsito dos centros hospitalarios.
O responsable socialista explicou que esta medida resulta necesaria para os pacientes e tamén para os profesionais sanitarios, que en ocasións se atopan na mesma habitación dous doentes coa mesma patoloxía, un deles terminal e o outro intentando superar a doenza, obrigados a “facer dous discursos distintos aos dous lados da cortina”.
