PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias transparencia 12 de noviembre de 2026

Patricia Iglesias esíxelle á Xunta «transparencia e rendición de contas» dos 116 «chiringuitos opacos» que xestionan máis de 2.300 millóns de euros

Patricia Iglesias denuncia que o PP leva décadas eludindo as chamadas de atención do Consello de Contas sobre a falla de control da administración paralela

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026. A protavoz de Transparencia do Grupo Socialistas, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe á Xunta que cumpra coas esixencias do Consello de Contas reclamando “transparencia e rendición de contas” dos 116 “chiringuitos” da administración paralela. Iglesias presentou unha proposición non de Lei esixindo control sobre uns entes que xestionan máis de 2.300 millóns de euros de cartos públicos e contan con 8.625 persoas empregadas, pero que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista reclamou “control, transparencia e responsabilidade” a través dun Plan de mellora da transparencia da administración paralela, a redución dos contratos a dedo, implantar mecanismos homoxéneos de control interno, rendición de contas e seguimento económico – financeiro. Tamén esixiu reforzar os sistemas de integridade institucional e prevención de riscos de irregularidades, fraude e corrupción nestes entes, rendendo contas fronte ao Parlamento.

Esixiu “explicacións, documentación e responsabilidade” porque “Galicia non necesita máis sociedades opacas, nin máis anuncios nin promesas. Subliñou que “Galicia necesita unha Administración que non teña medo á transparencia, que respecte os mecanismos de control e que entenda dunha vez que o diñeiro público non é do PP, é de tódolos galegos e galegas”.

Recursos de Galicia

Iglesias puxo como exemplo de “sociedade chiringjuito” á entidade de colaboración público – privada Recursos de Galicia, impulsada pola Xunta en setembro de 2023 e presentada como instrumento para xestionar os recursos naturais e enerxéticos de Galicia. Sen embargo, o Consello de Contas leva xa dous exercicios advertindo da falla de transparencia e supervisión pública na actividade do ente, mentres o PP fai caso omiso dende o goberno galego.

Criticou que máis alá de agochar o expediente de constitución do ente, o detalle das achegas públicas, os criterios de valoración dos activos, o plan de negocio, os resultados económicos e o suposto retorno dos investimentos, tres anos despois o goberno galego anuncia unha nova ampliación de capital. Este ente opaco, advertiu, recibirá patrimonio público a través do Inega para elevar os fondos propios da sociedade de 100 a 150 millóns de euros.

Iglesias denunciou que a día de hoxe aínda non deron ningunha explicación nin información sobre a actividade do ente, que o pasado mes de xullo comunicou a extinción a comercializadora eléctrica coa que ían baixar a factura da luz a tódolos galegos porque sumaba seis meses sen adquirir electricidade no mercado.

Denunciou que o PP “anuncia grandes proxectos dos que non presentan resultados, e cando aparecen os problemas a solución é volver pedir recursos públicos” que permanecerán agochados nunha “zona de sombra fóra do control democrático”.

Noticias relacionadas