Igualdade Paloma Castro PARLAMENTO DE GALICIA 12 de noviembre de 2026

O PP vota en contra de que a Xunta cumpra coa Lei e incorpore a educación afectivo – sexual no ensino obrigatorio

Paloma Castro advirte que “non podemos permitir que a pornografía se converta na principal escola de educación sexual”

Puntualiza que “non chega con atender ás mulleres despois de sufrir violencia”, senón que “queremos educar aos nenos para que nunca exerzan violencia”

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou que o PP votara hoxe en contra de incorporar a educación afectivo – sexual no ensino obrigatorio. Castro presentou esta proposta na Comisión Institucional do Parlamento para esixirlle á Xunta que cumpra coa Lei e garanta unha educación en igualdade “estrutural, dotada de recursos, avaliable e con vocación de permanencia”.

Advertiu que “non podemos permitir que a pornografía se converta na principal escola de educación sexual da nosa mocidade”, que está aprendendo a relacionarse a través de “contidos nos que se cosifica ás mulleres e se presentan relacións marcadas pola dominación ou pola violencia”. Advertiu que “non queremos seguir chegando tarde, queremos cortar a violencia machista de raíz”, porque “mentres sigamos educando na desigualdade, seguiremos convivindo coa violencia”.

Esixiulle ao goberno galego que cumpra coa Lei Orgánica de Educación de 2020 e a Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, que regulan a educación sexual no ensino obrigatorio, polo que “non estamos a pedir que a xunta faga algo extraordinario, estamos esixindo que cumpra a Lei”. Advertiu que “non chega con atender ás mulleres despois de sufrir violencia, temos que actuar para evitar que esa violencia se produza”.

A proposta presentada hoxe reclama incorporar de maneira efectiva a educación afectivo – sexual aos proxectos curriculares dos centros de ensino obrigatorio, establecer un programa específico de formación do profesorado, e un protocolo específico de actuación ante posibles abusos sexuais a menores. Reclamou que a educación afectivo – sexual e o ensino en igualdade cheguen “a tódolos centros educativos de Galicia”.

O PP, que inicialmente pedira o voto por puntos para aprobar a incorporación dun protocolo de actuación que fixara “criterios orientadores e procedementos de actuación básicos pero claros e completos” diante posibles casos de abuso sexual a menores, no momento da votación retirou a petición para rexeitar a iniciativa enteira.

Sociedade máis igualitaria

Castro sinalou que “podemos seguir contando agresións, lamentando cada novo caso de violencia machista e incrementando os recursos para atender ás vítimas, pero se non transformamos as raíces sociais e culturais da desigualdade, seguiremos chegando tarde”. Explicou que a proposta é “fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia machista”.

Advertiu que segundo o INE, en 2025 foron condenados 584 menores por delitos contra a liberdade sexual, un 6,2 por cento máis que no ano anterior, e o 97,1 por cento deles eran rapaces. Ademais, a Fiscalía Xeral do Estado alerta de que durante aquel ano incoáronse 4.459 causas por delitos contra a liberdade sexual na xurisdicción de menores, fronte ás 3.283 de 2024, rexistrando un incremento do 35,8 pro cento nun só ano.

Castro subliñou que a propia Fiscalía advirte da influencia que pode ter a falta dunha formación afectivo – sexual axeitada e o acceso temperán a contidos pornográtficos que distorsionan a comprensión das relacións sexuais e do consentimento”.

Subliñou que “cando a escola non proporciona unha educación afectivo – sexual adecuada, ese baleiro pode ocupalo a pornografía”, e Save the Children sinalaba en 202 que o 68,2 por cento dos adolescentes enquistados consumiran pornografía no último mes, unha cifra que escalaba ata o 81,6 por cento no caso dos rapaces. Resumiu “non queremos limitar a nosa resposta a ensinarlles ás nenas a protexerse”, senón que “queremos educar aos nenos para que nunca exerzan violencia”.

Noticias relacionadas