Aitor Bouza CRTVG CSAG 12 de noviembre de 2026

O PSdeG valora o «éxito absoluto» da folga xeral como mostra de que Galicia «non quere unha involución»

O deputado socialista Aitor Bouza esixiu a dimisión da directora xeral da TVG pola cobertura do 11N: “Foi unha vergoña”

Mostrou a solidariedade do Partido Socialista coa UGT polo ataque que onte sufriu a sede do sindicato en Vigo e afirmou que odio “nunca vencerá”

O deputado socialista e secretario xeral do PSdeG en Compostela, Aitor Bouza, valorou hoxe o “éxito absoluto” da folga xeral en Galicia e asegurou que a cidadanía díxolle a Feijoo “que non quere unha involución, que non quere que se recorten dereitos e que non quere unha censura aos avances sociais”. “Os galegos e as galegas dixeron alto e claro que xa están fartos das mentiras do Partido Popular”, destacou.

Momentos antes dunha visita ao centro da asociación Agadea na capital galega, na compaña do candidato ao Senado Sindo Guinarte; o candidato á alcaldía da cidade, Pedro Blanco, e outros cargos socialistas, Bouza condenou tamén o ataque que onte sufriu a sede da UGT en Vigo e trasladoulle ao sindicato a solidariedade do Partido Socialista. “O odio nunca vencerá”, dixo sobre uns ataques “que son froito tamén das mensaxes da dereita e da ultradereita”.

“Vimos a un PP botado ao monte que atacaba de maneira frontal aos sindicatos, á voceira de Feijoo, a señora Ayuso, considerar aos sindicatos como ‘basura’, pero a única ‘basura’ son as políticas que quere levar a cabo o Partido Popular en contra dos dereitos das persoas”, criticou.

O deputado do PSdeG cargou, ademais, contra a cobertura da xornada de folga por parte da TVG. Advertiu que os medios públicos se deben “á pluralidade, a transparencia e a democracia”, mais, ao contrario, a información que trasladaron sobre o 11N “foi unha absoluta vergoña”. Aitor Bouza cualificou de “denigrante” o trato que a televisión galega lle prestou a unha folga “exemplar e histórica”.

“Queremos pedir responsabilidades, que non poden ser outras que a dimisión inmediata da directora xeral da CRTVG, a actual CSAG”, reclamou despois dunha actuación “antidemocrática” que, ao seu xuízo, o que demostra “é o fío directo do Partido Popular coa CRTVG”. “O argumentario do PP vímolo onte plasmado nas emisións”, engadiu

Ou dereitos, ou involución

Sindo Guinarte coincidiu na valoración positiva de Bouza respecto da folga, a través da que se defendían, tal como lembrou, o acceso á vivenda, salarios dignos e dereitos sociais. “Eses dereitos plásmanse en leis que se aproban nas Cortes Xerais, pero hai que gañalos moitas veces na rúa para que despois sexan os representantes públicos os que os leven ás normas”, salientou.

Por iso, defendeu que na campaña que comeza esta noite non se dilucida unicamente unha alternancia, “senón escoller entre manter os dereitos, o estado de benestar, as pensións, incrementar o salario mínimo, dotar as bolsas para a mocidade, defender ás mulleres fronte á violencia de xénero, entre todo iso, e a involución”.

Noticias relacionadas