Besteiro Dereitos LGTBI José Ramón Gómez Besteiro 18 de noviembre de 2026

Besteiro: «O 29N xogámonos blindar os dereitos LGTBI en toda España, goberne quen goberne, ou retroceder»

O secretario xeral do PSdeG alertou, durante a visita a un piso da Fundación 29 de Decembro, na Coruña, dos plans do PP de recortar a lei trans e derrogar a de memoria democrática

José Ramón Gómez Besteiro reafirmou hoxe desde A Coruña o compromiso do Partido Socialista cos dereitos LGTBI e advertiu dos plans do PP se chega ao Goberno. O secretario xeral do PSdeG visitou un piso da Fundación 26 de Decembro, dedicada ao acompañamento e o coidado de persoas maiores LGTBI. Con el acudiron as candidatas socialistas ao Congreso Obdulia Taboadela e Belinda Insua, que percorreron as instalacións na compaña do delegado da fundación en Galicia, ademais de patrono, Fito Ferreiro.

“O 29N xogámonos blindar os dereitos LGTBI en toda España, goberne quen goberne, ou retroceder”, afirmou o líder socialista, que precisou que a intención do PSOE é que as comunidades autónomas “non teñan máis alternativa que cumprir e garantir eses dereitos”. Asegurou que o obxectivo final “aínda máis alá”, coa formalización dun pacto de Estado “contra a discriminación, as agresións e as manifestacións de odio”, xa que existe o perigo “dunha involución que debemos frear”.

“Diso vai esta campaña, de manter e reforzar dereitos ou de recortalos”, advertiu co foco nunha dereita que se apoia na ultradereita sen reparar en custos. “Son os que queren poñer fin á Lei de Memoria Democrática, reformar a lei trans e que só están pensando en chegar ao Goberno para recortar”, subliñou.

“Nós estamos nunha posición diametralmente oposta. Estamos para ampliar eses dereitos, para defendelos, para garantilos e para que a maioría social deste país interiorice e identifique eses dereitos como progreso e vantaxes para todos e todas”, insistiu.

Por todo iso, Besteiro destacou a importancia de iniciativas coma a da Fundación 26 de Decembro, que presta apoio a persoas que incluso viviron a ditadura, a persecución e o medo, e que agora sofren a incerteza de ter que volverse agochar. “Temos que garantir os dereitos LGTBI na escola, na rúa, no traballo e tamén na vellez”, reiterou.

Coincidiu con el Ferreiro, que explicou o labor da entidade. “O que facemos é empoderar, axudar e visibilizar a realidade de persoas maiores que moitas veces teñen que volver ao armario e quedan soas”.

Noticias relacionadas