José Ramón Gómez Besteiro OXG27 PARLAMENTO DE GALICIA 16 de noviembre de 2026

Besteiro: «A vivenda non pode ser un luxo. Hai que poñer os pisos baleiros en alugueiro e gravar os dos grandes propietarios»

O secretario xeral contrapuxo as alternativas socialistas, cun Banco Público de Alugueiro e un imposto galego ás vivendas baleiras dos grandes propietarios, a unha Xunta que ten 15.158 millóns de orzamento e 37.600 persoas agardando por unha vivenda

Recoméndalle ao presidente que a próxima vez non leve aos conselleiros «a un mosteiro de luxo» senón «a un centro de saúde ou a unha oficina de vivenda» porque «a Xunta bate récords de orzamento e a xente bate récords de espera»

Ironiza con que o líder do PP, «tras construír cero vivendas públicas en Galicia, agora promete un millón en catro anos»

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe no Parlamento que a resposta á crise da vivenda pasa por poñer en alugueiro os pisos baleiros a través dun Banco Público de Alugueiro e por crear un imposto galego que grave as vivendas baleiras dos grandes propietarios e dos fondos voitre. Fíxoo no debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2027, dos que reclamou a devolución porque, con 15.158 millóns de euros, a cifra máis alta da historia, «Galicia seguirá batendo récords de persoas que agardan por unha vivenda, por unha cita médica ou por unha axuda á dependencia».

Fronte a esas contas, o líder socialista presentou unha alternativa de 1.236 millóns adicionais. «Vostedes baten récords de orzamento, pero a xente bate récords de espera», díxolle ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Catro orzamentos despois de que Rueda declarase a vivenda prioridade, «o único certo é que apenas entregaron cen pisos» mentres o rexistro de demandantes pasou de 22.700 persoas en 2025 a 37.600 na actualidade, sinalou Besteiro, que lembrou que da promesa de 10.000 vivendas públicas en seis anos quedan 9.900 por entregar. Levou ademais a crítica á campaña das xerais ao ironizar con que Feijóo, «tras construír cero vivendas públicas en Galicia, agora promete un millón en catro anos. 685 ao día, 29 cada hora, día e noite, sen parar».

Fronte a unha Xunta que o aposta case todo á construción e á venda cando o 85 % dos demandantes necesita alugueiro, o PSdeG propón 200 millóns adicionais para rehabilitar barrios e mobilizar as vivendas baleiras mediante un Banco Público de Alugueiro, con garantías de cobro para os propietarios e prezos que non superen o 30 % dos ingresos familiares.

O plan contempla ademais un imposto galego ás vivendas baleiras dos grandes propietarios e dos fondos voitre, deducións fiscais para as familias que máis o precisan, a recuperación do Bono Alugueiro para a mocidade e a aplicación da Lei de Vivenda nas zonas tensionadas. «Vostedes seguen pensando en como vender máis vivendas. Nós pensamos en como conseguir que máis xente poida vivir nelas», resumiu.

Besteiro botou en falta o presidente da Xunta nun debate no que «estamos falando dos cartos de todos» e contrapuxo esa ausencia ao retiro que o Goberno galego celebrou hai unha semana no mosteiro de San Clodio, «rehabilitado con cartos públicos e explotado por unha empresa privada». «A clase traballadora que foi á folga o 11 de novembro ten que apertar o cinto; o Goberno, polo visto, necesita un balneario para relaxarse», ironizou, antes de lembrar que do retiro de hai dous anos saíu unha comercializadora pública que ía abaratar a luz e que deste volven cun plan industrial do que non se sabe canto custará, onde se fará nin cando estará listo.

O portavoz socialista atribuíu o récord orzamentario ao crecemento da economía e ás achegas do Goberno central a través do financiamento autonómico, «ese mesmo sistema que Rueda critica todos os días pero que despois se nega a sentarse a mellorar por orde de Feijóo». Reprochoulle á Xunta que renuncie a negociar un novo modelo que podería achegar arredor de 1.000 millóns máis e que rexeite a condonación de 4.010 millóns de débeda, e censurou un Goberno que «de tanto mirar para Sánchez, deixou de mirar para Galicia».

En sanidade, Besteiro lembrou que o primeiro semestre de 2026 pechou con 230.614 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria, un 19 % máis ca un ano antes, e con 1.118 pacientes que levan máis dun ano pendentes do especialista, fronte aos 145 de doce meses atrás. «Os anuncios non curan, pero as esperas si poden matar», advertiu. Para corrixilo, o PSdeG propón 133,5 millóns destinados a máis profesionais, un plan de choque contra as listas de espera, saúde mental e centros de saúde, ademais de garantir por lei unha cita en Atención Primaria nun máximo de 48 horas e auditar as derivacións á sanidade privada.

O líder socialista preguntou a quen serve a política económica do PP nunha comunidade na que se cobran arredor de 3.000 euros menos ao ano ca a media estatal e na que a Xunta responde cunha baixada do IRPF coa que un membro do Goberno pode aforrar 150 euros e quen cobra o salario mínimo entre tres e cinco ao mes. «Dous cafés, señor Corgos. Esa é a súa escala de prioridades», resumiu. Botou en falta planificación sobre a industria, a enerxía ou a mocidade nun país que ten 60.000 habitantes menos que cando o PP chegou á Xunta e reclamou unha política cultural que non viva «de Ano Santo en Ano Santo».

A alternativa do PSdeG reserva 185 millóns adicionais para política social, entre eles 100 para o Servizo de Axuda no Fogar e 30 para recuperar a Tarxeta Básica, e 36 millóns para educación, xunto co cumprimento do acordo sobre a lingua galega. Para os concellos formula 289 millóns, 200 deles para un Plan Único con criterios obxectivos, porque «os alcaldes non deberían ter que pedir favores para garantir dereitos».

No rural, o PSdeG propón 215 millóns, 115 para prevención de incendios e recuperación do territorio e 100 para adaptación climática e seguridade hídrica, porque «a seca non se resolve cun camión cisterna e unha foto do presidente». Besteiro propuxo ademais 30 millóns para eliminar as peaxes da AG-55 e da AG-57 e reclamou mellor transporte público, máis recursos contra a violencia machista, máis escolas infantís públicas e un plan para o marisqueo que recupere a ría de Arousa.

Besteiro pechou definindo as contas como «un corta e pega da vagancia dun goberno que está a outra cousa, que está a facer o traballo sucio de Feijóo» e recomendoulle a Rueda que a próxima vez leve os conselleiros «a un centro de saúde, a unha oficina de vivenda, a un servizo de axuda no fogar ou a un concello do rural». «Galicia non necesita milagres. Necesita un Goberno que goberne», concluíu.

Noticias relacionadas