Besteiro Eleccións Xerais José Ramón Gómez Besteiro 15 de noviembre de 2026

Besteiro: «Feijoo dixo onte que viña pedir traballo. Coñecemos ben a súa xestión. Ímolo mandar ao paro»

O secretario xeral do PSdeG denunciou as burdas mentiras dun candidato popular que promete un millón de vivendas nunha lexislatura: “Un home que non foi capaz de facer nin unha soa durante 13 anos na Xunta vai ser capaz de facer 28 á hora?”

Chamou a fuxir de “cantos de serea e enxeñarías electorais” neste momento “histórico e a concentrar o voto no Partido Socialista: “Cada papeleta diferente vai para o peto de Feijoo e Abascal”

O líder socialista confrontou o xeito de gobernar ante as crises, cun PP que apostou por “sacrificios e recortes” e un Pedro Sánchez que deu a cara e foi “forte cos fortes e comprensivo cos débiles e vulnerables

Avisou de que a dereita e a ultradereita “queren recortar as pensións” e recordou que, mentres Rajoy foi baleirando a caixa ata que unicamente quedaban 4.000 millóns, os gobernos de Sánchez lograron incrementala ata máis de 20.000 millóns

“A todos os que realmente ven e saben ler o momento histórico que estamos a vivir, que non tiren o seu voto ao lixo”, pediu hoxe José Ramón Gómez Besteiro desde O Barco de Valdeorras. Durante a súa intervención no mitin que compartiu coas cabezas de lista socialistas ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, e ao Senado, María Fernández Ojea, o secretario xeral do PSdeG chamou a fuxir de “cantos de serea e algunhas enxeñarías” que non levan a sumar escanos pola esquerda. “Cada voto diferente é un voto que vai directamente ao peto de Feijoo e Abascal”, asegurou.

O líder socialista, que tamén compartiu escenario co alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e a candidata á Cámara Alta Ana Rosa Paradelo, valorou a capacidade de entendemento entre PSOE e Sumar para incrementar o número de escanos da esquerda e recordou que en provincias coma Ourense o Partido Socialista quedou hai catro anos a moi poucos votos dun deputado máis. “Tres ten hoxe o PP e un o PSOE que serían dous do PP e dous do PSOE”, explicou antes de recordar que nos anteriores comicios esa posibilidade non se deu por só tres mil votos. “E nós sacamos 3,5 veces máis votos que o seguinte partido progresista”, engadiu.

O secretario xeral do PSdeG insistiu na importancia dunhas eleccións que van marcar como poucas veces antes o rumbo do país. Referiuse aos principais retos que enfronta España para sinalar as enormes diferencias entre as políticas da dereita e do PSOE, e advertiu contra as mentiras de Feijoo.

Sinalou o discurso do candidato popular onte en Santiago. “Dixo que viña pedir traballo. Coñecemos ben a súa xestión. Non lle imos dar traballo. Ímolo mandar ao paro”, subliñou. Besteiro criticou o papel de “gran xestor” que se atribúe a si mesmo Feijoo, que en 13 anos á fronte da Xunta “prometía obras, viñan os orzamentos e as obras que prometía non se executaban”.

Ao fío diso, lembrou que o Goberno de Touriño levantou 10.000 vivendas en Galicia en catro anos, “e el non foi capaz de facer nin unha, porque as que se remataron no seu primeiro mandato eran as que xa estaban licitadas”. “Agora di que vai facer un millón en catro anos, 684 ao día, 28 cada hora. Un home que non foi capaz de facer nin unha soa durante 13 anos na Xunta vai ser capaz de facer 28 á hora?”, preguntou.

“En liña recta só se vai en barco”

“Este home tamén di que vai ir da Xunta á Moncloa en liña recta, pero terá que ter coidado coas curvas, porque en liña recta só se vai en barco”, ironizou.

Besteiro tamén invitou a facer memoria do que ocorreu durante os últimos oito anos, “das moitas cousas que fixemos os e as socialistas”, que supoñen “un aval” de cara ao 29N e mostran a diferenza entre o modelo que defenden a dereita e a ultradereita, por unha banda, e o PSOE pola contraria.

“Cando había un problema derivado da crise económica, que dicía Rajoy? Para min non mires, e cada un que se amañe como poida”, afirmou para alertar de que neste momento o PP está a sementar dúbidas incluso sobre a solvencia do estado de benestar. “É o primeiro que fai sempre a dereita para propiciar sacrificios e recortes”, salientou.

Pola contra, “que foi o que fixo o Partido Socialista cando había crise sanitaria que derivou en crise económica, guerras que supuxeron subidas de prezos e tensións na economía, incendios, danas e ata un volcán en erupción?”, inquiriu. “Cando había un problema, a xente sabía que Pedro Sánchez ía dar a cara como fai sempre. Foi un presidente forte cos fortes e moi comprensivo cos débiles e vulnerables”, defendeu.

José Ramón Gómez Besteiro destacou que, nese contexto, España medrou máis que países coma Francia ou Alemaña mantendo o estado de benestar. “Esa é a diferenza, preservar ese modelo: crecemento e reparto”, dixo.

Vivenda e pensións

O líder socialista sinalou o problema da vivenda como un reto actual e para os vindeiros anos, marcando coma obxectivo moderar os prezos e buscando solucións coma as que propón o PSdeG para sacar ao mercado vivenda baleira, por exemplo a través dun banco público de alugueiro. “Moitos arrendadores estarían de acordo, porque non todos os caseiros son fondos voitre”, explicou para defender a continuación que o Goberno de Sánchez está precisamente buscando solucións diferentes dentro das escasas competencias que ten o Estado nesa materia.

Dentro da súa defensa dos dereitos e dos piares do estado de benestar, Besteiro reivindicou pensións dignas fronte a unha dereita que xa di “claramente” que “queren recortalas”. Criticou o modelo de PP e Vox, “cunha pequena base pública e despois ampliala cunha privada complementaria, iso que chaman modelo mixto”. “Iso é o que buscan”, insistiu.

“Detrás de cada conquista social veñen a dereita e a ultradereita para facer negocio, como coa sanidade pública, deteriorándoa para que a xente diga que ten que marchar á privada, e a educación pública, porque así a xente pensará levar aos seus fillos á privada, e o sistema de pensións, para que a xente entre no sistema privado”, criticou Besteiro, que lembrou: “Rescataron os bancos, pero non queren rescatar ás persoas”.

O líder socialista valorou que hoxe a Seguridade Social conta cunha hucha de máis de 20.000 millóns de euros grazas a que os gobernos de Pedro Sánchez foron recuperando o que Rajoy baleirou. “Cando deixou o Goberno, estaba en 4.000 millóns”, apuntou Besteiro, e destacou que esa recuperación se acadou mentres se poñían en marcha ERTE na pandemia e pelexando en Europa fondos de recuperación. “Sánchez dixo: non podemos responder da mesma maneira que se respondeu cando estaban Merkel e Rajoy. Fomos capaces de impoñer o noso criterio, como tamén se fixo, por certo, coas tarifas eléctricas. Pedro Sánchez foi moi valente”, recordou.

Destacou tamén que foi esa valentía a que permitiu superar a difícil situación do problema de Cataluña hai oito anos. “Xa non se acordan diso. Nas anteriores eleccións falaban de amnistía e estaban encantados. Esa é a incoherencia do PP”, censurou.

Ourense e Lugo

José Ramón Gómez Besteiro referiuse á realidade de provincias coma Ourense ou Lugo, con “moitas similitudes”, nas que as políticas do Partido Socialista son especialmente necesarias. “Nos próximos anos temos que sacar adiante unha mellor mobilidade, fortalecer os servizos públicos e manter un sistema de pensións forte e estable. Nesta provincia, máis dun terzo da poboación depende dunha pensión pública”, lembrou. “É aí onde nos xogamos todos a utilidade do voto”, remarcou.

Por iso, cualificou de “vital” dar a batalla á dereita en Lugo e Ourense desde unhas candidaturas socialistas “que van garantir a posibilidade de non só facerlles fronte, senón gañar as eleccións”. “E non basta con gañar. Queremos gobernar para que gañe a xente”, asegurou.

“En Lugo e en Ourense estamos a nada de conseguilo, e por iso tamén lles pido aos votantes de Sumar e do BNG que lean o momento histórico no que nos atopamos e que digan que hai que votar ao Partido Socialista”, reiterou.

Noticias relacionadas