O secretario xeral do PSdeG denuncia en Mondoñedo que nin Feijóo nin Rueda foron capaces de rehabilitar os edificios que a Xunta xa ten comprados co Plan Rexurbe e lembra que os socialistas propoñen 200 millóns máis para vivenda nos orzamentos galegos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu hoxe en Mondoñedo o voto para os socialistas o 29 de novembro para que a vivenda deixe de ser unha promesa electoral do PP e pase a ser un dereito, e denunciou que a Xunta mantén sen rehabilitar boa parte dos edificios que ela mesma mercou nos cascos históricos da Mariña para convertelos en vivenda pública. Acompañado pola cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, e polo número un ao Senado, César Mogo, o líder socialista defendeu que «o 29N tamén decidimos que pasa coa vivenda» e puxo o Plan Rexurbe como exemplo «moi claro» do que supoñen 17 anos de gobernos do PP «deixando pasar un dos principais problemas da xente», que é «ter onde vivir».
Besteiro lembrou que o Rexurbe, o programa co que a Xunta compra edificios antigos nos cascos históricos para rehabilitalos e destinalos a vivenda pública, púxoo en marcha Feijóo en 2017. «Pasaron nove anos e dous presidentes da Xunta, e moitos dos edificios comprados seguen sen rehabilitar», sinalou. Segundo os datos que achegou, en Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro a Administración autonómica xa tiña adquiridos 20 inmobles en 2023 e boa parte deles segue hoxe á espera das obras.
O caso de Mondoñedo é para o dirixente socialista o máis rechamante, porque foi a primeira área Rexurbe de Galicia, declarada en 2020, e dos 15 edificios que a Xunta adquiriu alí a maioría segue sen recuperar.
O atraso, ao seu xuízo, «non é por falta de cartos», xa que a Xunta deixou sen gastar o 83,5% dos fondos destinados á rehabilitación e á calidade da vivenda. Mentres o PP «deixa edificios baleiros», advertiu, na Mariña hai máis de 700 solicitudes de vivenda protexida. «E despois falan de combater o despoboamento. Pero como vai quedar a xente nova nas nosas vilas se non ten onde vivir?», preguntouse.
O secretario xeral do PSdeG referiuse tamén ao anuncio que fixo Alfonso Rueda o pasado día 8, ao remate do retiro do seu Goberno en San Clodio, dun novo plan para construír vivendas vinculadas á industria. «Antes de seguir facendo promesas de vivendas, debería rematar as que a propia Xunta xa comprou», respondeulle.
Fronte a esa política de anuncios, Besteiro lembrou que o Grupo Socialista propuxo nos orzamentos da Xunta para 2027 un total de 200 millóns de euros máis para vivenda, 40 para rehabilitación e 10 para reforzar o Rexurbe. «E disto vai tamén o 29N, de que a vivenda deixe de ser unha promesa electoral e sexa un dereito real», concluíu.
