Patricia Otero compromete a blindaxe da revalorización na Constitución e César Mogo acusa o PP de sementar dúbidas falsas sobre a viabilidade do sistema
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, situou hoxe en Foz as pensións no centro do debate electoral do 29 de novembro, nunha provincia na que arredor de 100.000 persoas perciben unha pensión pública e onde estas prestacións representan o 30% dos ingresos dos fogares. Acompañado pola cabeza de lista ao Congreso, Patricia Otero, e polo número un ao Senado, César Mogo, nun acto no que tamén estiveron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, o líder socialista defendeu que «as pensións son un dereito, non son un regalo, ningún agasallo» e advertiu de que nestas eleccións toca escoller entre quen fortalece o sistema e quen o quere recortar.
«O 29 de novembro tamén vai ir disto, de decidir se optamos por quen fortalece o sistema de pensións, por quen non quere recortar as pensións, ou se entra a motoserra e os que recortan as pensións», afirmou Besteiro na Mariña. Lugo figura, con Ourense, entre as provincias nas que máis pesan os pensionistas sobre a poboación total, e por iso o dirixente socialista avisou de que «calquera tipo de axuste na economía desas pensións produce uns efectos na economía extraordinarios».
Nos últimos oito anos, repasou, a pensión media de xubilación pasou de arredor de 1.000 euros a superar os 1.500, cunha suba constante ligada ao IPC que foi acompañada do reforzo do sistema público e do seu Fondo de Reserva. «Que queren facer outros? Pois evidentemente xa o dixeron, queren recortar», sinalou, antes de explicar que os socialistas se dirixen á xente con emoción pero sobre todo con razóns de peso.
Con ese argumento pediu que o voto en Lugo se decida pensando na súa utilidade e chamou a concentrar na candidatura socialista o apoio de quen defende as pensións públicas. «O 29N vai ser unha data que a xente vai lembrar onde estaba e que foi o que votou», dixo, porque a elección será «unicamente entre dous modelos». Calquera outra opción, que asegurou respectar como demócrata, non servirá ao seu xuízo para frear os recortes sobre un sistema «que custou tantísimo construír e que ademais hoxe é sostible grazas á acción dun goberno socialista».
«Agora Feijóo, despois de moitos cambios de opinión, di que quere revalorizar as pensións conforme ao IPC, pero a realidade e os feitos van por outra dirección», afirmou pola súa banda Patricia Otero, que lembrou que os populares votaron en 2021 contra a norma do Goberno de Pedro Sánchez que blindou por lei esa revalorización. Para saber o que farían se chegan ao Goberno, engadiu a candidata ao Congreso, «só cómpre recordar o que fixo Mariano Rajoy cando gobernou este país», cando se eliminou a actualización co IPC e as pensións subiron un 0,25% durante catro anos mentres o custo da vida ía por riba.
Otero reivindicou que os socialistas foron «quen de comprometernos e de facer realidade que se poden incrementar as pensións e ao mesmo tempo tamén encher a hucha das pensións», un fondo que estaba en 5.000 millóns de euros en 2018 e que superou os 15.000 millóns esta primavera, coa previsión de achegarse aos 20.000 ao peche do ano. O seguinte paso, anunciou, é levar ese dereito á Carta Magna. «Mentres uns queren privatizar e recortar, nós os socialistas queremos garantir este dereito na Constitución española», resumiu, convencida de que PP e Vox «nunca están a carón da defensa dos dereitos dos nosos pensionistas».
César Mogo respondeu a unha candidata do PP por Ourense que, segundo relatou, vén de afirmar que os pensionistas perderon poder adquisitivo. «Poder adquisitivo perdían co modelo do PP, precisamente o que fixo a lei é manter o poder adquisitivo», replicou o senador, para quen no PP «é difícil distinguir ata que punto hai ignorancia e en que punto hai falsificación permanente». Mogo sostivo que Feijóo intentou na Xunta conxelar o complemento autonómico das pensións e que «non o puido pola presión, pero esa é a intención».
O candidato ao Senado atribuíu aos populares a idea de que o sistema público non se sostén, que nesta precampaña lanzou a súa portavoz no Congreso ao dicir que ía petar, por moito que despois o partido tentase volver atrás a medias. «Nós dicimos que é completamente falso», respondeu, e argumentou que as pensións están garantidas porque a débeda baixa e porque hai máis emprego e de máis calidade, o que se traduce en máis cotizacións. «Esa é a garantía que teñen co Partido Socialista os pensionistas», concluíu Mogo, que reduciu o resto a «disimulos para intentar volver ao punto de partida, que é unhas pensións por debaixo do nivel de vida».
