Patricia Iglesias critica a “cocteleira de modificacións” que supón unha “autoemenda á mala política do PP en 17 anos de goberno” modificando nun só debate 70 textos normativos
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026. A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, sinalou hoxe que a Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta constitúe un “caixón de xastre para modificar Galicia pola porta de atrás”. Iglesias pediu a retirada desta Lei coa que o goberno galego quere modificar nun só debate ata 70 textos normativos e coa que consolidan “agasallos fiscais para os de sempre” e alteran as leis en materia de vivenda, urbanismo, industria, enerxía, minaría, montes. Estradas, facenda ou emprego público.
A responsable socialista interveu para presentar a emenda de devolución á Lei de Acompañamento no debate de totalidade que tivo lugar no Pleno do Orzamentos hoxe no Parlamento, na que reivindicou “un proxecto de país con ambición e non unha acumulación de parches normativos”. Resumiu que a norma constitúe unha “cocteleira de modificacións” lexislativas que “autoemenda a mala política do PP en 17 anos de goberno galego”.
Explicou que a Lei mantén “rebaixas fiscais aos privilexiados”, incluíndo unha bonificación do 50 por cento do imposto sobre o patrimonio e a exención do imposto ás grandes fortunas que pagan os que teñen máis de tres millóns de euros. Criticou que con estas medidas Galicia deixará de ingresar 812 millóns de euros mentres aplican rebaixas “mínimas” do IRPF, que suporán apenas 5 euros ao mes para unha familia con dous fillos e uns ingresos conxuntos de 50.000 euros ao ano.
Iglesias cualificou de incomprensible que o goberno galego estea a renunciar a estes ingresos, e destina 1.900 millóns de euros a amortizar débeda cando está a renunciar á condonación de 4.010 millóns que ofrece o goberno central. Criticou que un de cada oito euros do Orzamento van “directos a pagar débeda cando poderían destinalos a investimento social”, e subliñou que “Galicia necesita dun Goberno que planifique e que utilice os recursos públicos para mellorar a vida das persoas.
Defendeu “unha fiscalidade progresiva, unha vivenda accesible, unha industria planificada, unha transición enerxética xusta, unha minaría sometida a control público e uns servizos públicos fortes” nunha Galicia “onde ninguén teña que pedir perdón por necesitar axuda”. Reclamou “dereitos fronte ás dereitas, igualdade fronte aos privilexios e democracia e tolerancia fronte á crispación e a lameira” que están a provocar o PP e a extrema dereita.
