Julio Torrado denuncia que a xestión do goberno “faldeiro das contas bancarias” provocou que dende 2010 deixara de ingresar 2.900 millóns de euros polos descontos fiscais ás grandes rendas
Puntualiza que “dicimos si a cobrarlle máis impostos a quen ten máis renda, para blindar os servizos públicos con 133 millóns adicionais para sanidade”
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026. O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe os Orzamentos “de mentira” da Xunta, ao que ve “preso da súa fantasía” para impoñer beneficios fiscais ás grandes rendas. Así o dixo no debate da emenda transversal aos Orzamentos da Xunta para 2027, pola que os socialistas galegos reclaman mobilizar 1.236 millóns de euros para garantir o dereito á vivenda digna e blindar uns servizos públicos de calidade.
Torrado criticou que o goberno galego siga aplicando “regalos fiscais” ás grandes rendas que supuxeron que dende 2020 Galicia deixou de ingresar 2.900 millóns de euros por reducirlle impostos aos máis ricos. Censurou que sigan a “deriva ideolóxica absurda” marcada por Feijóo, que impediu que negociaran un modelo de financiamento autonómico proveitoso para Galicia e renunciar á quita da débeda, demostrando que “entre Galicia e o PP, escollen ao PP”.
Advertiu que “hai unha alternativa” que permite “tomar decisións correctas en política fiscal” nun país no que “hai xente que obtén riqueza, e quen máis ten debería de aportar máis”. Situou enfronte á “mala broma” pola que o PP e o goberno galego queren “vender como rebaixa fiscal” que un traballador pague 3 euros menos “co mesmo cargo fiscal co que calquera membro do goberno aforra 150 euros”.
Criticou neste sentido o “rollito aspiracional” do PP, que “seguen falando de impostos como invitados á festa dos ultramillonarios, pero eles os tratan como maiordomos, e non é decente que o meu goberno sexa maiordomo de ninguén”, apostillou antes de esixirlle ao conselleiro de Facenda que “cando reducen impostos digan con exactitude onde os van recortar”.
Julio Torrado puntualizou que “dicimos si” a “cobrarlle máis impostos a quen ten máis renda” para así conseguir blindar os servizos públicos con 133 millóns de euros para a Sanidade, incluíndo un Plan de Saúde mental e un Plan de choque para reducir as listas de espera, así como o reforzo da atención primaria. Reclamou incrementar en 36 millóns o orzamento par a educación pública e 185 millóns para Política social, incluíndo a gratuidade do SAF e o reforzo dos equipos de Dependencia.
Vivenda
Os socialistas propuxeron 200 millóns extra para as políticas de vivenda, que permitirían poñer en marcha o Banco Público de Alugueiro, reforzar o programa de impulso da rehabilitación e garantir, en definitiva unha vivenda digna. Resumiu que “ningún gobernante debera permitir que ninguén vivira nun espazo non que non puidera pasar unha sola noite”, como nos “trasteiros mal habilitados e paredes que chorrean humidade” que teñen que ocupar os estudantes.
Reclamou ademais 60 millóns de euros adicionais para despregar unha nova política industrial sostible, máis alá dos “anuncios” do goberno galego e o seu, ironizou, retiro no Mosteiro de San Clodio “para xogar ao Monopoly” no que remataron anunciando máis chan industrial. Torrado lembrou que no mesmo entorno hai dous anos anunciaron a comercializadora de enerxía que nunca chegou a entrar en funcionamento.
O parlamentario socialista reivindicou unha “alternativa dun país construído a partir de certezas”, que “merece un goberno digno e mellor porque quere ser un país máis digno e ten dereito a ser un país aínda mellor”.
