Industria PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias 17 de noviembre de 2026

Patricia Iglesias reclámalle á Xunta «menos escaparate» e máis investimento real para impulsar a industria galega

A deputada socialista criticou a perda de fondos europeos mentres o PP insiste nunha política de anuncios cuxo “novo bautismo” é o plan 360, que xurdiu do último retiro do Goberno de Rueda “sen proxecto, compromisos concretos nin recursos”

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026. “Menos Plan Galicia Industria 360 de escaparate e máis Galicia real, a que traballa, a que produce e necesita unha Xunta que estea á altura”. Foi o que reclamou hoxe no pleno do Parlamento galego a portavoz socialista de industria, Patricia Iglesias. Referíase así ao que cualificou de “novo bautismo” que xurdiu do retiro do Goberno galego sen que haxa detrás “proxecto, compromisos concretos nin recursos identificados”.

A deputada do PSdeG denunciou a perda de fondos europeos destinados á industria mentres o Goberno galego dedica os seus esforzos a anuncios de grandes iniciativas. Advertiu, por exemplo, que en 2024 quedaron sen executar 68 millóns de euros.

Por iso, criticou que os anuncios non poden substituír aos resultados e cuestionou que o PP “presente como unha revolución o que non ten localizacións concretas, nin empresas comprometidas, nin calendario, nin orzamento”. A iso sumou que catro proxectos piloto “non son unha política industrial”.

Iglesias chamou a atención sobre a diferenza entre os fondos que achega cada Administración a financiar os proxectos industriais estratéxicos (PIE), 235 millóns por parte do Goberno de España “e cero euros de fondos propios da Xunta”.

Tamén lamentou que a Consellería de Economía e Industria deixase sen gastar eses 68 millóns de euros procedentes de Europa. “Son 68 millóns que deberían estar impulsando a industria galega, a innovación e a transformación produtiva”, dixo. “O problema non é só conseguir recursos. É saber utilizalos”, asegurou.

Respecto das actuacións que está desenvolvendo o Estado, defendeu o reforzo de infraestruturas eléctricas “fundamentais para a industria”. “Incorporou dez novos parques de subestacións, 208 quilómetros máis de liñas, 44 novas posiicións, actuacións en 579 quilómetros de rede e 1,6 xigawatts adicionais de capacidade para novas demandas”, detallou sobre o que son “datos concretos, non propaganda”.

Noticias relacionadas