Julio Torrado PARLAMENTO DE GALICIA Sanidade 17 de noviembre de 2026

Torrado denuncia que o dereito a morrer dignamente en Galicia está no papel pero non na realidade

O deputado socialista pide que se explique como se solicita o documento de instrucións previas, que Galicia teña un rexistro de obxectores e que os profesionais que acompañan as eutanasias deixen de ser «os patitos feos do sistema»

Lembra que unha de cada tres persoas que solicitan a eutanasia morre durante o procedemento «con dor, con sufrimento»

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026. «Recoñecer o dereito a morrer dignamente é, probablemente, o dereito máis vital que existe.» Con esta frase abriu esta tarde o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, o debate no Pleno do Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei do PSdeG sobre a eutanasia. Para o deputado, a lei de 2021 naceu dun «impulso social probablemente imparable» e foi «un exercicio máis no que a política chegou algo máis tarde do que debera». Pero advertiu de que «que exista a lexislación non implica que o dereito estea plenamente garantido. O dereito está no papel, pero non tanto na realidade».

Torrado recoñeceu que «hai avances que funcionan», aínda que insistiu en que o dereito a morrer dignamente en Galicia «aínda está máis consolidado na lei que na práctica». A primeira das súas tres propostas, sobre o documento de instrucións previas, formulouna como unha pregunta á Cámara: «Cantas persoas das aquí presentes saberiamos hoxe explicar como se solicita? A quen se lle solicita?». En moitas cuestións sanitarias, dixo, saberiamos a quen preguntar, «pero neste dereito, non», porque «non está ben contado». «Hai vontades políticas que promoven ou non promoven impulsar un dereito. E este non está de todo ben impulsado.»

A segunda é o rexistro de obxectores. «Os profesionais sanitarios teñen todo o dereito do mundo a ser obxectores. Ninguén pode discutir isto. Pero as persoas teñen todo o dereito do mundo a exercer o seu dereito a morrer dignamente», defendeu, antes de lembrar que as comunidades autónomas deben ter ese rexistro e que «Galicia non o ten». «Ten sentido que as obxeccións só se manifesten cando a un profesional lle corresponde acompañar un procedemento?», preguntou. Todo o mundo ten dereito a ter unha posición, recoñeceu, pero «a Administración, neste caso, facilita as dificultades» e «todo isto enlentece procesos».

A terceira mira cara aos sanitarios que non obxectan. «Non ten sentido que un profesional acompañe ata os últimos momentos da vida dunha persoa e automaticamente teña que saír correndo para facer unha consulta ou extraer sangue», denunciou. Todos coñecemos, dixo, profesionais «dos que non seriamos capaces de explicar a súa humanidade», e eses profesionais «tamén son persoas» que necesitan acompañamento. «Non poden ser os patitos feos do sistema. Os profesionais sanitarios necesitan ser acompañados tamén. E necesitan ser respectados.»

Sen nomealo, Torrado respondeu ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que na Cadena SER definiu como secundario o papel do médico na lei de eutanasia e anunciou que a reformará se chega ao Goberno. «Un médico solicita. Outro médico distinto que non coñece o paciente valida. As solicitudes de eutanasia van a unha comisión na que participan profesionais de todo tipo, de primeiro nivel, tamén médicos e médicas. E finalmente, un médico ou médica acompaña ao final. É a lei máis garantista do mundo», explicou. Dicir que os médicos non están valorados, engadiu, «ou é ignorancia ou é indecencia».

«Hoxe, unha de cada tres persoas que solicita a eutanasia falece durante o procedemento», lembrou Torrado, que pediu traducir esa cifra: «Unha de cada tres persoas que solicita a eutanasia falece con dor, con sufrimento, cun sufrimento que non quere». Chegado un momento, explicou, a xente pode estar preparada para morrer, «pero non para sufrir». Por iso rexeitou as «dicotomías estúpidas, como ‘eu quero unha vida digna e non unha morte digna’, que dixo alguén bastante indecente recentemente».

Tamén reivindicou a liberdade, un concepto do que «moita xente quere apropiarse». «Se a liberdade só é para algúns e para algunhas cousas, non é liberdade. Ou é de todos ou non é de ninguén. E se é de todos, tamén é para escoller como morrer», dixo, antes de concluír que «unha morte digna fai unha vida máis digna».

Na réplica, o deputado cualificou de «absurda, falaz, mentireira e torpe, pero intencionada» esa contraposición entre morte e vida digna, e de «impresentable» dar a entender que quen pide morrer o fai porque non ten unha vida digna. A quen sostivo no debate que a liberdade de escoller pasa por non ter présa, respondeulle que «o que non ten présa, pero tampouco ten ningún tipo de cortapisas, é a dor e o sufrimento». «Ninguén está obrigado a exercer un dereito, pero non ten ningunha capacidade de quitarlles aos demais o dereito que xa teñen», resumiu.

Torrado recorreu a Gabriel García Márquez, que ao recoller o Nobel en 1982 defendeu «unha nova e arrasadora utopía da vida onde ninguén poida decidir por outros ata a forma de morrer». «Precisamente iso é a liberdade», dixo o deputado, que considera «indigno» infantilizar os pacientes. Despois resumiu o debate en tres preguntas: «Ten dereito unha persoa a escoller como morrer? Si. Cúmprese completamente hoxe a lei en Galicia? Non. Pódese mellorar? Si». E volveu ás carencias que denunciara na súa primeira intervención: «Existe un rexistro de obxectores? Non. Teñen os profesionais que participan apoio suficiente? Non. Quen o di? Eles mesmos».

Para rematar, recomendou ler o artigo que o director de teatro Miguel del Arco publicou hoxe en El País sobre a súa nai, María Luisa Herrera, que morreu solicitando a eutanasia despois de atopar «moitas dificultades». «Se despois de lelo están convencidos de que o dereito á eutanasia é un erro, teñen dereito. Pero estou convencido de que serán capaces de entender que non se pode negar a ninguén.» E pechou cunha petición á Cámara: «Se alguén hoxe ten que votar, que non vote en contra do dereito a morrer dignamente».

Noticias relacionadas